Noticias

O Gozo Festival 2026 traerá a Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez o vindeiro 11 de xullo

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegarán a mellor música internacional do momento a Santiago de Compostela cunha nova edición de O Gozo Festival. Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez son as primeiras confirmacións do festival, que presentarán os seus directos no Monte do Gozo compostelán o sábado 11 de xullo de 2026. O Gozo Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. En 2026, O Gozo Festival celebrará a súa cuarta edición cun line-up de luxo. O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, consolidouse na súa terceira edición, celebrada en 2025, cun éxito rotundo de crítica e público.

Nela, o festival reuniu máis de 55.000 asistentes aos concertos de Franz Ferdinand, Anastacia, Alanis Morissette, David Guetta, Maná, Lenny Kravitz, Bright Eyes, Foster The People, Lionel Richie e Al Di Meola.

En apenas tres anos, O Gozo Festival programou en diferentes cidades galegas un importante elenco de artistas internacionais como Robbie Williams, Ed Sheeran, Robert Plant, Queens Of The Stone Age, Rod Stewart, Bomba Estéreo, Marshmello, Armin Van Buuren, ZAZ, Pixies, Loreena McKennitt ou Nils Frahm, entre outros, referentes nos seus respectivos estilos e que na maioría dos casos supuñan a súa primeira actuación en Galicia. Un total de máis de 170.000 persoas asistiron nas tres edicións á programación do festival, demostrando a boa acollida que tivo O Gozo Festival entre o público.

O impacto mediático de O Gozo Festival foi enorme, proxectando a marca Galicia exponencialmente a nivel nacional e internacional. Cunha programación repartida entre os meses de febreiro e decembro para desestacionalizar as propostas e ter impacto ao longo do ano, deixou nos principais escenarios galegos actuacións únicas e especiais.

En 2026, O Gozo Festival regresará reafirmándose como punto de encontro onde cada tempada teñan cabida algúns dos artistas internacionais máis importantes que chegan á Península. Con este propósito, a cita continúa a traballar nunha programación plural que terá lugar durante 2026 en diferentes cidades galegas, abarcando varios estilos musicais co fin de chegar a distintos tipos de público e idades, co indubidable impacto turístico e económico que supón este tipo de concertos e dando tamén visibilidade aos innumerables atractivos que ofrece a nosa terra.

Sobre os artistas

Maroon 5 é unha das bandas de pop máis exitosas e duradeiras do século XXI. Gañadores dun GRAMMY® e multiplatino, venderon máis de 100 millóns de álbums. Billboard nomeounos a mellor banda do século XXI en 2025 e o seu historial inclúe 33 éxitos no Billboard Hot 100, con tres Discos de Diamante e 26 de Platino nos Estados Unidos.

Martin Garrix é un dos dj’s e produtores máis novos e exitosos da escena pop e electrónica mundial. Recoñecido durante varios anos como o número 1 mundial pola prestixiosa lista DJ Mag, Garrix colaborou con xigantes da industria como U2, Ed Sheeran, Dua Lipa, The Weeknd e con algúns dos dj’s e produtores máis importantes da actualidade: Avicii, Tiësto, Afrojack, Hardwell e moitos máis.

Danny Ocean consolidouse como un dos artistas máis innovadores da música latina contemporánea. A súa traxectoria comezou coa viralización de Me Rehúso, tema que se converteu na canción latina con máis semanas no Top 50 Global de Spotify e que acumula máis de 2 billóns de reproducións en Spotify e 1,9 billóns de visualizacións en YouTube, converténdoo nun referente global da música. Grazas ao éxito da canción, Danny asinou con Atlantic Records e lanzou outros éxitos como Dembow e Vuelve.

Rita Ora é unha das artistas pop máis destacadas do mundo, recoñecida polo seu talento versátil como cantante, compositora e actriz. Desde o seu debut, conquistou as listas internacionais con sinxelos como R.I.P., I Will Never Let You Down e Anywhere, consolidándose como unha das voces máis influentes da música contemporánea.

Finalmente, tras o seu paso pola academia de Operación Triunfo, os seus dous primeiros traballos discográficos e colaboracións con artistas como Pablo López ou Melendi, Miriam Rodríguez é unha das voces máis destacadas dos últimos anos no panorama musical español.

Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, entre outros.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitaron neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

R., 2025-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES