
Neste sentido, o presidente da Xunta reivindicou a denominada Declaración Galicia, aprobada a finais de outubro en Santiago de Compostela, que reflicte o que entendemos dende o Comité das Rexións que debe ser tido en conta á hora de renegociar este futuro marco.
O texto recolle a posición e demandas de comunidades autónomas e entes locais de España, baseadas nunha verdadeira gobernanza multinivel e en que non se reduzan os fondos xestionados de maneira compartida entre UE, Estado e rexións. Neste sentido, Rueda agradeceu a unidade amosada hoxe e desexou que, a pesar do longo camiño que queda por diante, espero que se manteña esa unidade e que os asuntos que defendemos teñan éxito.
Fondos europeos
Un deles é a reclamación dun orzamento claro e diferenciado para cada rexión, e tamén poder traballar con previsión con respecto a eses fondos europeos. A política de cohesión ten que seguir sendo fundamental, defendeu Rueda, ao tempo que instou a saber as cantidades certas das que imos dispoñer porque non pode quedar a decisión de cada Estado o que vai repartir de fondos europeos entre as rexións e os concellos.
Tamén en materia de fondos, o presidente da Xunta considerou insuficientes os montantes propostos para a Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC). No caso da PAC, ademais, rexeitou a nova estrutura proposta, que non garante os dous piares de financiamento diferenciado, un para axudas directas e outro para desenvolvemento rural, como existen na actualidade. O sector primario ten que ser tomado moi en serio na nova negociación, demandou Alfonso Rueda.
En relación co ámbito do mar, e como presidente da primeira potencia pesqueira rexional da Unión Europea, amosou a súa preocupación pola desaparición dun fondo específico para a pesca e a acuicultura, e asegurou que así a UE compromete a soberanía alimentaria á que debe aspirar a UE para non depender de países terceiros para a provisión de alimentos á cidadanía debido a que implicaría abrir aínda máis a porta á importación de produtos extraídos e procesados en terceiros países, cunha normativa que non acada os estandares europeos en materia ambiental.
Pleno do Comité das Rexións
Pola tarde, o titular do Executivo autonómico intervirá no 169º Pleno do Comité Europeo das Rexións, onde aproveitará para chamar a atención sobre dúas cuestións con enorme peso actual e de futuro: a intelixencia artificial e as enerxías limpas.
Por unha banda, en canto á Intelixencia artificial, resaltará o feito de que Galicia aprobou xa a primeira lei autonómica na materia, que garante un uso seguro e ético da IA; ou o feito de que a comunidade albergará unha factoría europea de IA -das 19 que hai en Europa-, o que a situará á vangarda e resultará un motor de innovación.
En canto ás enerxías limpas, Alfonso Rueda reivindicará o potencial extraordinario de Galicia en renovables debido a que, actualmente, máis do 84% da xeración eléctrica é limpa. Así mesmo, comprometeu a aposta da Xunta a proxectos estratéxicos, regulándoos ademais con iniciativas como a Lei de Recursos Naturais, que asegura que cada proxecto xere riqueza alí onde se implante, pois obriga a reservar o 50% da nova xeración renovable para a industria local. Con todo, reclamará tamén unhas mellores redes de transporte da enerxía.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.