O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, ven de remitir, por segunda vez, unha carta ao vicepresidente da Comisión Europea e Comisario da Competencia, Joaquín Almunia, na que solicita que non se adopte ningunha decisión de autorización ao respecto do chamado decreto do carbón sen que Galicia teña a oportunidade de desenvolver o seu punto de vista sobre a xustificación do mesmo sen ter que recurrir ao procedemento formal de investigación recollido no Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
Javier Guerra reitera no escrito as consecuencias que para Galicia se derivarían da autorización deste real decreto que prima o uso de carbón nacional, e que tería un gravísimo impacto tanto sobre o emprego como sobre o tecido industrial galego, posto que de entrar en vigor o regulamento na súa actual redacción as centrais térmicas das Pontes e Meirama veríanse obrigadas ben ao peche ou, no mellor dos casos, a conxelación da súa actividade co que iso supón de perxuízo socioeconómico para Galicia.
O conselleiro de Economía e Industria advirte na carta, que desta volta foi remitida tamén ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, do efecto dominó que conlevaría a aprobación do real decreto para as actividades portuarias da Coruña e Ferrol, as cales dependen, en gran medida, das descargas de carbón de importación.
Javier Guerra expresa na misiva que resulta obrigado harmonizar os distintos intereses existentes nas diferentes comunidades autónomas, non sendo posible xustificar que a Comisión autorice unhas axudas a todas luces incompatibles co mercado interior, traspasando os problemas sociais e económicos dunhas comunidades a outras. Ademais, apunta que resulta preocupante que non só non se recompense o esforzo de adaptación realizado polas centrais térmicas galegas, senón que se penalice un proceso de modernización co obxectivo fundamental de diminuír as emisións contaminantes.
O escrito recolle tamén que este real decreto foi obxecto de fortes críticas por parte dos organismos públicos máis relevantes, como son a Comisión Nacional da Competencia e a Comisión Nacional de Enerxía, no relativo ao seu impacto sobre o mercado e a súa proporcionalidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.