Notas de prensa

Imaxe, cita para os 18.000 profesionais galegos da perruquería e a estética

O Salón regresa ó calendario feiral de Expourense e celebrará a súa 13ª edición os días 6 e 7 de novembro. Ofrecerá un completo programa de conferencias e obradoiros e un show de perruquería a cargo do equipo artístico de KIN Cosmetics.

Convertida en cita bienal, Imaxe, Salón de Perruquería e Estética, regresa ó calendario feiral de Expourense para celebrar a súa décimoterceira edición os días 6 e 7 de novembro co obxectivo de facilitarlle aos profesionais que, sen saír de Galicia, poidan coñecer as últimas novidades e tendencias do sector. Imaxe quere contribuir así a dinamizar o negocio neste sector no difícil momento actual poñendo a disposición dos empresarios de perruquería e estética ferramentas que os axuden a actualizar os produtos, servizos, equipamentos e tratamentos que ofrecen aos seus clientes.

Todas as actividades que terán lugar nesta 13ª edición de Imaxe son froito do traballo do seu comité asesor reunido recentemente e á fronte do cal se atopa o presidente da Federación de Asociacións de Perruquería e Estética de Galicia, FEPEGA, Antonio Peiteado, e no que se atopan representadas as principais asociacións profesionais do sector como é o caso da Federación Nacional de Esteticistas, FANAE, así como empresas provedoras de produtos e servizos.

Logo de 13 edicións, Imaxe continúa sendo unha cita obrigada no noroeste peninsular para profesionais que queiran coñece-los últimos avances así como para o público en xeral que poderá gozar de demostracións en vivo de estética, perruquería, maquillaxes corporais e imaxe persoal nun evento adicado a eles.

Shows e xornadas técnicas

As xornadas técnicas desta edición abordarán temas que reflicten as principais preocupacións do sector da perruquería e a estética como é o caso da conferencia sobre a importancia da xestión dos centros de beleza para adaptalos aos actuais tempos de crise. Entre os obradoiros destacan o da cavitación, un dos tratamentos de estética máis novidosos para reducir a graxa corporal sen cirurxía. Tamén se impartirán outros sobre manicura e pedicura ou sobre novas técnicas de depilación con fío ou caramelo.

A coincidencia da celebración de Imaxe con Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais e a cercanía do Nadal, levaron a que o comité asesor organicen actividades comúns a ambas as dúas citas. Así impartiranse obradoiros sobre unllas acrílicas para noivas, sobre recollidos para ceremonias e festas ou a colocacións de extensións.

Os asistentes a Imaxe poderán tamén asistir e tomar nota do espectacular Show que recolle as últimas tendencias en perruquería e estética. O show central, que terá lugar o domingo 7 de novembro ás 12.00 horas, correrá a cargo do equipo artístico KIN Cosmetics, unha empresa con case 80 anos de traxectoria que distribúe os seus produtos en máis de trinta países.

Concurso futuros profesionais

Dividida nas áreas de Perruquería, Estética e Venda, Imaxe é, sobre todo, unha cita activa e dinámica que tamén permite participar nos concursos de perruquería e estética no que participarán varios centros de formación públicos e privados de Galicia.
A perruquería e a estética están representadas en Galicia por máis de 5.500 empresas e 18.000 profesionais. A meirande parte delas son microempresas ou pemes (a media está en 3 empregados) con poucos medios para asistir a cursos ou obradoiros de reciclaxe profesional. Imaxe ofrecéselles a oportunidade de coñecer, sen apenas desprazarse, as últimas novidades e asistir a obradoiros e espectáculos con recoñecidos estilistas profesionais.

Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense), 2010-09-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES