Notas de prensa

Economía activa o fondo Xes-Innova para financiar proxectos innovadores

Cun capital de 1,65 millóns de euros, ampliable, ten como finalidade conceder préstamos participativos e/ou subscribir participacións en capital risco por contías comprendidas entre 60.000 e 200.000 euros. O novo fondo apoiará investimentos asociados á innovación e ás novas tecnoloxías en telecomunicacións, biotecnoloxía, enerxías renovables ou medio ambiente.

Mellorar e completar o abano de apoios a proxectos innovadores impulsados por novos emprendedores é o obxectivo fundamental do novo fondo de capital risco Xes-Innova, que arranca cunha dotación ampliable de 1,65 millóns de euros “para procurar que ningunha idea viable e innovadora quede sen converterse en empresa por falta o financiamento axeitado”, segundo manifestou o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na rolda de prensa para dar conta da activación efectiva deste novo instrumento ao servizo do tecido empresarial galego.

A creación de Xes-Innova Fondo de Capital Risco fora anunciada polo conselleiro coincidindo coa celebración do Día do Emprendedor de Galicia, o pasado 16 de xuño. Tras destacar que agora xa está operativo, o conselleiro explicou que apoiará proxectos de investimento impulsados por novos emprendedores e que teñan como obxecto “a produción, investigación e desenvolvemento de actividades preferentemente asociadas á innovación e ás novas tecnoloxías en ámbitos como as telecomunicacións, a biotecnoloxía, as enerxías renovables ou o medio ambiente”.

O fondo Xes-Innova está participado nun 70% pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e nun 30% por Ahorro Corporación. Será gobernado por Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta de Galicia, como fondo ponte para impulsar a creación e desenvolvemento de novos proxectos innovadores que, unha vez consolidados, poderían acollerse a outro instrumento financeiro de maior capacidade como é o Fondo Emprende.

O Fondo Xes-Innova concederá préstamos participativos e/ou subscribirá participacións en capital risco por contías comprendidas con carácter xeral entre un mínimo de 60.000 e un máximo de 200.000 euros, se ben, con carácter excepcional, eses límites poderán superarse. O novo fondo tamén poderá realizar actividades de asesoramento ás empresas que constitúen o obxectivo do seu investimento, estean ou non participadas polo mesmo.

Co obxectivo de dinamizar a posta en marcha deste novo instrumento ao servizo dos novos emprendedores innovadores en Galicia, a sociedade Xesgalicia subscribiu ademais un convenio de colaboración coa Federación de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), que deste xeito participará no proceso de selección dos proxectos de investimento candidatos a acollerse ao Fondo Xes-Innova.

Outros apoios a emprendedores

Xes-Innova ven a completar e mellorar o abano de instrumentos financeiros dispostos pola Consellería que dirixe Javier Guerra para apoiar o financiamento de proxectos impulsados por novos emprendedores. Entre estes instrumentos, o conselleiro destacou o programa re-Emprende “que concede subvencións a fondo perdido que poden cubrir entre o 15 e o 40 por cento dos investimentos, ou o programa re-imaxina, destinado a achegar financiamento bancario subsidiado e avalado no marco do correspondente convenio asinado polo Igape coas sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras”.

Con respecto ao programa re-Emprende, Javier Guerra destacou que pode apoiar investimentos impulsados por novos emprendedores con investimentos de ata 1,5 millóns de euros e que pode beneficiar non só a novos proxectos, senón tamén a proxectos de consolidación ou diversificación temperá. No que se refire ao programa re-imaxina, salientou que os préstamos contarán cun aval dunha SGR que cubrirá o 80% do importe.

O conselleiro de Economía e Industria tamén lembrou que o seu departamento dispón, a través das oficinas do Igape nas principais cidades de Galicia, de instrumentos preparados para facilitar a constitución telemática áxil de novas empresas baixo as formas xurídicas da Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE) ou da Sociedade de Responsabilidade Limitada (SRL).

Servizos de asesoramento

Do mesmo xeito, Javier Guerra destacou os servizos de formación e asesoramento que achega o seu departamento mediante a sociedade do Igape BIC Galicia para facilitar a creación ou a consolidación de novas empresas. Servizos de carácter sempre gratuíto que atenderon o ano pasado a 8.380 persoas ás que se sumaron, no primeiro semestre de 2010, máis de 4.000 persoas máis.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, 2010-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES