Notas de prensa

Agadic e Xacobeo colaboran no programa Camiños en Danza

O Centro Coreográfico Galego inicia en Santiago o ciclo Camiños en Danza, co que leva accións escénicas sobre Etheria, a viaxe soñada, a emprazamentos exteriores de 17 concellos galegos dos camiños a Compostela baixo o patrocinio da Agadic e do Xacobeo 2010. Doce bailaríns e bailarinas, oito músicos en directo e a vocalista Rosa Cedrón poñen en escena a recreación da viaxe da que puido ser a primeira peregrina galega.

O Centro Coreográfico Galego (CCG) inicia en Santiago o ciclo “Camiños en danza”, un novo programa de difusión da danza actual galega mediante a escenificación de accións e improvisacións coreográficas a partir do espectáculo Etheria, a viaxe soñada nun total de 17 concellos galegos. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e o Xacobeo 2010 colaboran nesta iniciativa que se desenvolverá ata setembro en emprazamentos ao aire libre e de tránsito público de localidades ubicadas nalgunha das rutas de peregrinación a Compostela.

A Praza de Cervantes acolleu, como primeiro destino deste proxecto, a actuación de 10 bailaríns e bailarinas que sairán ao paso dos viandantes cunha interpretación de 20 minutos de duración e música de percusión en directo. O CCG completará ademais a súa estadía na capital de Galicia con dúas funcións completas de Etheria, a viaxe soñada no Salón Teatro os días 28 e 29 de xullo ás 21:30 horas.

O ciclo “Camiños en danza” visitará durante o mes de agosto Muxía (día 3), Fisterra (día 5), Ribeira (día 9), Pobra do Caramiñal (día 10), Rianxo (día 12), Vilagarcía (día 14), O Grove (día 17), A Guarda (día 19), Baiona (día 21), Sobrado dos Monxes (día 24), Ribadeo (día 26), Arzúa (día 31). En setembro engadiranse os concellos de Portomarín (día 2), Sarria (día 4), Triacastela (día 7) e O Cebreiro (día 9).

Cuarta produción propia

Etheria, a viaxe soñada é a cuarta produción propia da unidade de danza pertencente á Consellería de Cultura e Turismo a través de Agadic. Dirixida pola coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez, a peza amosa unha particular visión do mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

A montaxe combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación en escena da vocalista Rosa Cedrón como artista invitada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.

A produción parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisface a través do avance nun camiño.

Así, Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.

Precisión e sentimento

A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ãngel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ãstrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario –que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile– contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. à vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

As entradas para asistir as representacións de Etheria, a viaxe soñada no Salón Teatro estarán á venda no despacho de billetes os días das funcións a partir das 19:30 horas. Tamén se poden adquirir xa por anticipado, telefonicamente a través do número do servizo de telentrada 902 43 44 43 ou da web caixagalicia.es.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-07-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES