A Consellería de Traballo e Benestar destina este ano un total de dous millóns de euros para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica. Así o destacou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na entrega de premios do concurso Proxectos e Ideas Innovadoras USC Uniemprende, unha iniciativa da Universidade coa que colaborou a Dirección Xeral de Promoción do Emprego cunha partida de 18.000 euros.
O certame recoñece o labor dos emprendedores que presentan proxectos de empresas innovadoras, sempre que os plans estean promovidos por estudantes, licenciados ou investigadores universitarios. Uniemprende é unha actuación pioneira dentro e fóra de España no impulso de iniciativas emprendedoras desde a Universidade, indicou Mato.
Sobre a importancia de apoiar aos emprendedores galegos en todos os ámbitos fixo moito fincapé a conselleira na súa intervención no acto. Eles son os dinamizadores económicos do noso territorio e na medida que fomentemos as súas iniciativas altamente cualificadas estaremos apostando polo emprego de calidade, por empresas de calidade e por unha alta competitividade, apuntou Mato.
Así, destacou que o departamento autonómico que dirixe, ademais de reservar dous millóns de euros para proxectos de base tecnolóxica impulsa, entre outras actuacións, o programa empresa-concepto para a análise e asesoramento de cara á materialización de proxectos empresariais nacidos do ámbito universitario.
Non podemos permitir que as boas ideas creadas polos nosos estudantes e investigadores non teñan cabida en Galicia e, por iso, non debemos deixar de aproveitar esta dose extraordinaria de competitividade e innovación, sinalou.
Por iso, explicou que a Consellería está a planificar unha mellora no aproveitamento da transferencia de coñecementos ao servizo da sociedade, incidindo no ámbito dos servizos sociais. Ao respecto, expuxo que o Goberno galego vén de por en marcha o Plan Sociolaboral que busca a dinamización empresarial neste sector, así como o aproveitamento da creación de empregos que xerará 10.000 postos de traballo anuais ao longo do que resta de lexislatura.
Mato tamén explicou que o Plan Galego de Maiores, que se porá en marcha despois do verán, impulsará a innovación e a investigación aplicadas ao eido dos servizos.
Por todo elo, hai que loitar pola importancia de que o ámbito empresarial sexa receptivo á política de integración e intercambio de coñecementos, concluíu a conselleira.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.