
A Consellería de Economía e Industria ten recibido até as 18.00 horas do luns, 19 de xullo, 81 solicitudes que suman unha potencia de case 15.000 MW ao abeiro da orde de convocatoria pública do concurso de 2.325 MW eólicos. O departamento que dirixe Javier Guerra quere salientar que estes datos son aínda provisionais, posto que os promotores teñen habilitadas outras vías para presentar os seus proxectos até o remate definitivo do prazo, ás 24.00 horas de hoxe.
Estes datos supoñen un éxito do concurso eólico, posto que case multiplican por 7 a oferta de MW recollida na orde eólica, e porque se recollen nun contexto marcado pola indefinición do modelo retributivo por parte do Goberno central. Ademais, o concurso está deseñado para garantir a solvencia do desenvolvemento dos plans eólicos e industriais das empresas que teñen presentado as súas solicitudes. A partires da finalización da recollida de solicitudes ábrese un prazo máximo de 4 meses para a resolución das mesmas, co obxectivo de recuperar o tempo perdido e a paralización herdada do Goberno bipartito.
A orde eólica pola que se resolverá o concurso reflicte o compromiso da Xunta cun dos sectores estratéxicos de Galicia, elaborouse no primeiro ano de goberno e está directamente vinculada á aprobación da nova Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia, que foi tramitada en menos de 8 meses e que dota de plena seguridade xurídica e transparencia ao sector, e pola cal xa se levan ingresados máis de 22 millóns de euros da man do canon eólico.
O obxectivo da Consellería de Economía e Industria é recuperar o liderado eólico perdido e converter a Galicia nunha comunidade líder na produción e desenvolvemento das enerxías renovables, minimizar os efectos sobre o medio natural e maximizar o impacto socioeconómico asociado aos parques eólicos instalados en Galicia. A orde eólica garante a solvencia das solicitudes na actual convocatoria da man dos avais para evitar a especulación co obxectivo final de beneficiar a todos os galegos.
Para acadar estes obxectivos a nova orde está baseada en tres piares básicos, como son a obxectividade, a transparencia, a seguridade xurídica, o rigor e a independencia. Por este motivo, a convocatoria valora o investimento de natureza industrial e o emprego xerado coma os puntos fundamentais dos criterios de valoración.
A orde eólica para a asignación de 2.325 MW posibilita e garante o desenvolvemento socioeconómico de Galicia como consecuencia do desenvolvemento dos proxectos industriais asociados aos novos parques eólicos, que serán instrumentos de dinamización socioeconómica de Galicia a través dos investimentos directos e os investimentos indirectos correspondentes ao plan industrial asociado, e ademais estarán incluídos en áreas de desenvolvemento eólico do vixente Plan Sectorial Eólico de Galicia e non se instalarán en Rede Natura nin en futuras ampliacións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.