Notas de prensa

Agadic promove o I Foro Clown Galicia-Portugal en A Estrada (Pontevedra)

O Teatro Principal acolle o venres 9 de xullo a presentación da Escola de Circo da Estrada, tres relatorios e a proxección do documental Mashi: trasi que trasi! Peter Punk, Pedro Correia, Circolando e Duelirium, entre os participantes deste evento.

O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte, patrocina o I Foro Clown Galicia- Portugal, que se celebra o venres 9 de xullo na Estrada como evento previo e complementario ao Festival Rock & Clown. O Concello da Estrada colabora nesta primeira edición do foro, que se estenderá ao longo de toda a xornada con presentacións de iniciativas, relatorios, proxeccións audiovisuais e os espectáculos que se exhibirán no transcurso da Gala de clown galego-portuguesa.

O Teatro Principal acollerá as actividades de mañá, que darán comezo ás 10.00 horas coa presentación da nova escola de circo para mozos que Pista Catro porá en marcha este verán en colaboración co Concello da Estrada. A continuación, terán lugar tres relatorios a cargo do clown portugués Pedro Correia (10.30 h), da compañía lusa Circolando (11.15 h) e do galego Iván Prado (11.45 h), director do Festiclown, Magiclown e FiraMagica. Todos eles achegarán aos asistentes as súas respectivas experiencias artísticas e profesionais no ámbito do circo.

Esta primeira parte do programa pecharase coa proxección do documental Mashi: trasi que trasi!, que narra a viaxe da caravana do colectivo Pallasos en Rebeldía, que en 2009 percorreu varias localidades cisxordanas ofrecendo actuacións, obradoiros de risoterapia, clown, etc. Presentarase así mesmo a edición 2010 do encontro Festiclown Palestina.

Estrea absoluta

Xa pola noite, o escenario do I Foro Clown trasladarase á praza da Constitución, onde a partir das 22.00 horas celebrarase unha gala na que participarán catro formacións de ambos lados da fronteira: as galegas Peter Punk, coa primeira posta en escena do seu novo espectáculo antes da súa estrea oficial no Festiclown 2010, e Duelirium, cos seus números aéreos; e as portuguesas Circolando, co espectáculo Charanga, e Pedro Correia, con E-se.

CREATIVA é un programa con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), ou o evento musical Cores do Atlántico que acolleu a Illa de San Simón o pasado 14 de maio, foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA. Ademais do Foro Clown da Estrada, neste mes de xullo o programa apoiará así mesmo a presenza portuguesa na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Ourense).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES