
A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, organiza o venres 25 de xuño na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), unha xornada de traballo na que participarán redeiras que representan a 10 asociacións profesionais e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.
O obxectivo deste encontro, que inaugurarán o secretario xeral da Consellería do Mar, Francisco Vidal-Pardo e a secretaria xeral de Igualdade Marta González, é reforzar o papel das organizacións a través do intercambio de experiencias e debater problemas que afectan ao desenvolvemento deste sector. Así, esta xornada servirá para dialogar sobre temas como o intrusismo profesional e o labor da Xunta en canto a inspección da actividade, a cualificación profesional e o certificado de profesionalidade, así como sobre réxime especial dos traballadores do mar.
A presentación de proxectos no marco do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca (FEP), a carta de artesán como selo diferenciador e marca de garantía e a Rede Española de Mulleres da Pesca, serán outros dos temas que se tratarán neste encontro, no que ademais de representantes da Consellería do Mar, participará persoal da Consellería de Traballo e Benestar, da Consellería de Economía e Industria e doutras administracións. O acto será clausurado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.
Con este tipo de iniciativas, a Consellería do Mar busca avanzar na profesionalización, abordar obstáculos que afectan ás profesionais do sector e facer visible a labor realizada polas traballadoras que realizan unha actividade moi importante no sector pesqueiro. O departamento que dirixe Rosa Quintana ten como obxectivo o seu recoñecemento profesional xa que o oficio de redeiras ocupa o primeiro lugar na lista de prioridades da Lei de Galicia 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.