Notas de prensa

Xenerar emprego, principal obxectivo da modificación da Lei do Turismo

O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia presentou a modificación da Lei do Turismo como "unha reforma que proporcionará maior flexibilidade e axilidade ás realidades das empresas" e co obxectivo de fomentar o emprego neste sector considerado estratéxico.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentaron aos representantes do sector turístico a modificación da actual Lei de Turismo 14/2008, do 3 de decembro, como unha reforma que pretende “proporcionar unha maior flexibilidade e axilidade nos tempos de resposta ante as realidades cambiantes nun sector tan sensible, dinámico e en constante evolución como é o do turismo, que ten que reinventarse cada día para afrontar novos retos”.

Roberto Varela explicou que esta modificación nace principalmente por dúas razóns, “facer realidade a petición do sector, unha petición que foi recollida no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 polo que xa se está a rexer a política turística da nosa comunidade; e segunda, porque a lei do noso sector debe acompañar as necesidades da oferta e as esixencias da demanda actuais co fin de lograr un destino turístico, atractivo, diferenciador e competitivo en servizos”.

Para o titular de Cultura e Turismo, o cambio lexislativo ten tamén a súa base “na necesidade de eliminar as imprecisións conceptuais da norma derogada para evitar lagoas e disfuncións nun sector clave da economía galega”. Asemade, a incorporación da adaptación da normativa á Directiva europea, 2006/123/CE, segundo Roberto Varela, “ten como obxectivo avanzar cara un auténtico mercado interior, eliminando as barreiras legais nas autorizacións administrativas, limitando o propio réxime de autorización nalgúns procedementos, simplificando os trámites administrativos ou promovendo a tramitación dos mesmos a través de medios telemáticos que permitan a implantación real e efectiva da ventaíña única”.

Varela afirmou que era necesario “establecer as canles axeitadas para permitir o fortalecemento e posicionamento das nosas empresas turísticas dentro dun contorno cada vez máis competitivo; sentar as bases legais para proseguir na procura da calidade e da excelencia turística acadando unha maior rendibilidade económica e reforzando o papel social do turismo”.

Estas atribucións están ditadas pola Constitución Española no seu artigo 148.1.18 e o Estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 27.21 onde se explicita que a comunidade autónoma de Galicia ten competencia exclusiva para promover e ordenar o turismo dentro do seu ámbito territorial. “Así, a Administración turística galega comparte o espírito deste ditame ao recoñecer a importancia e alcance do sector turístico na economía rexional, e tamén a importancia da dimensión social do turismo”, engadiu o conselleiro.

O conselleiro de Cultura e Turismo, afirmou que “a capacidade de xerar emprego é básica para a creación da riqueza, pero tamén é fundamental a distribución da mesma. E este, é o gran obxectivo polo que se rexe o texto modificado da Lei de Turismo, o de potenciar zonas ricas en recursos que son, porén, pobres en infraestruturas e que precisan do establecemento de áreas de actuación axeitadas para aproveitar as sinerxias que se producen entre as iniciativas dos distintos axentes públicos e privados”. Neste sentido, Roberto Varela asegurou que o turismo “xoga un papel fundamental como factor de reequilibrio territorial e de cohesión social, como vertebrador do territorio. O seu desenvolvemento debe ser sostible, de respecto aos recursos nos que, precisamente, se asenta a imaxe de Galicia: natureza, medio ambiente, paisaxe, pero tamén patrimonio histórico-artístico, enogastronomía, tradicións e costumes, en definitiva, unha cultura propia, singular e amable”.

Segundo o conselleiro, “estes aspectos son os que fan de Galicia un destino único e diferencial, o verdadeiro eixo da comunicación promocional das administracións e empresas turísticas. Por iso dende o goberno galego estamos apostando dende o inicio no reforzo da profesionalización dos recursos humanos a todos os niveis, na mellora do emprego turístico, na investigación e a innovación, un conxunto de puntos que se consideran tamén nesta lei, e nos que se incidirá no seu posterior desenvolvemento regulamentario”.

Modificación Lei de Turismo

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, explicou detalladamente os cambios propostos pola Lei e os seus beneficios. Pardo afirmou que “a lei, demandada polo propio sector, era un aspecto obrigado para unha Galicia que desexa e debe modernizar o seu marco lexislativo e apropialo á dinámica da actividade turística que desempeña o sector. A estrutura da actual norma “está composta por dez títulos, que comprenden 84 artigos, 5 disposicións adicionais, 3 disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras”.

A secretaria xeral resaltou a modificación relativa ao Consello do Turismo de Galicia, posto que a lei actual presenta unha indefinición respecto do papel que debe xogar este órgano, ao referirse en termos diversos na exposición de motivos e no articulado. O órgano ademais pasa de ter 12 membros ata un máximo de 25, tal e como demandou o sector. “Sería imposible que todos os subsectores de actividades turísticos se viran correctamente representados con apenas 12 vogais”, apuntou.

Carmen Pardo asegurou que “estes cambios servirán para definir actuacións de planificación, investimento e promoción co obxectivo de mellorar a nosa oferta, a eficiencia do gasto público, a colaboración interadministrativa e a participación empresarial, así como aumentar a estancia do turista en Galicia grazas á diferenciación outorgada polos microdestinos”.

O artigo referente á autorización turística só atinxirá aos acampamentos de turismo, o resto dos establecementos só contarán coa clasificación turística segundo as categorías que regulamentariamente se establezan para cada modalidade. Asemade, recupérase a figura da dispensa, especialmente no que atinxe ás recuperacións patrimoniais para compensar o esforzo dos emprendedores nesas iniciativas que melloran a estética urbana e rural e fan a importante labor de recuperación patrimonial.

A respecto do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) elimínase a obrigatoriedade que tiña o empresario e a inscrición será practicada de oficio.

Derivado tamén da transposición da Directiva de Servizos, anúlase a obrigatoriedade de selar e comunicar os prezos ante a administración turística. Deste xeito, recupérase o concepto de principio de unidade de explotación cunha redacción actual e acorde coa realidade. Tamén se recupera a figura de pensións fronte a residencias turísticas, xa que esta última non ten recoñecemento algún no panorama nacional e internacional.

Recupéranse dúas categorías fundamentais, hoteis-balneario e hoteis-talaso, “modalidades que representan un dos produtos turísticos máis competitivos e salientables de Galicia, que nos identifican como un destino de saúde e benestar”, destacou Carmen Pardo. “Recupéranse tamén a figura de pousadas e afóndase máis nos conceptos dos apartamentos e vivendas vacacionais, intentando crear dúas categorías verdadeiramente turísticas”, engadiu.

En canto ao turismo rural crease unha nova denominación: as hospederías rurais. Doutra banda, déixase nunha modalidade aos pazos, casas grandes e reitorais e engádense a modalidade de aldeas rurais para o conxunto de máis de tres modificacións destinadas a turismo rural.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-05-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES