Notas de prensa

Economía impulsa o Día do Emprendedor 2010 para lograr éxitos empresariais

A cita, que se celebra en Santiago de Compostela o 16 de xuño, converterase nunha comunidade empresarial onde atopar apoio para as novas iniciativas emprendedoras ou para impulsar a consolidación ou a internacionalización de novas empresas galegas.

Dende o momento de dar os primeiros pasos ata a internacionalización como segunda oportunidade de emprendemento. As distintas actividades incluídas no programa do Día do Emprendedor, que están a ultimar o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, organismos dependentes da Consellería de Economía e Industria, van orientadas a axudar a desenvolver a creatividade empresarial a través da análise e o traballo práctico en elementos como o financiamento, a formación directiva ou as novas formas de marqueting e vendas. Ademais, como novidade, este ano existirán espazos específicos onde os potenciais emprendedores poderán presentar ideas para conseguir asesoramento ou investimento. O encontro desenvolverase en Santiago de Compostela o 16 de xuño.

O principal obxectivo desta xornada multitudinaria, promovida pola Consellería de Economía e Industria do Goberno galego conxuntamente co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, é ser de verdadeira utilidade para os emprendedores, tanto para aqueles que teñen un proxecto e precisan de apoio para poñelo en marcha, como para aqueles outros que buscan segundas oportunidades para facer crecer o seu negocio. Na edición de 2010, a quinta da iniciativa “Emprendemos juntos” promovida a nivel estatal polo MITyC, en Galicia farase fincapé no financiamento e na eficiencia empresarial, pero tamén na creatividade, no coñecemento e na tecnoloxía como claves para sacar adiante, en tempos de crise, unha idea de negocio con futuro.

Por primeira vez, para a edición deste ano utilizaranse as redes sociais e impulsarase a xornada como un espazo que favoreza o networking. Ademais, provocarase o encontro entre as ideas emprendedoras e os posibles investidores así como un punto específico de xuntanza para aqueles empresarios con necesidades comúns.

Cinco liñas temáticas

Dende un punto de vista moi práctico, no Día do Emprendedor de Galicia haberá lugar para o desenvolvemento de accións encadradas en cinco liñas temáticas. Abordaranse os negocios tecnolóxicos tanto como un medio para facer crecer o proxecto como na súa consideración como interesante nicho de mercado; as posibilidades que ofrecen as franquías; as novas oportunidades para emprender; o acceso ao financiamento como factor clave; e a internacionalización como segunda oportunidade para o emprendemento.

Paralelamente, terá lugar a xornada “Iniciador Galicia” que acollerá a presentación de startups galegas diante de investidores, co obxectivo de atraer o seu interese; Iniciador Galicia é unha comunidade de emprendedores que ten como obxectivo fomentar e facilitar a emprendizaxe mediante actividades de emprendedores para emprendedores, onde se comparten coñecemento e experiencias.

Para cada unha das liñas vertebradoras do Día do Emprendedor haberá actividades de debate en forma de obradoiros e mesas redondas, espazos para entrevistas e asesoramento cara a cara e zonas habilitadas para exposicións temáticas sobre contidos como a innovación, o financiamento, a formación, a tecnoloxía, os viveiros de empresa e a internacionalización empresarial. As inscricións para participar en calquera dos eventos programados, sempre de carácter gratuíto, deben facerse a través da web do Día do Emprendedor de Galicia: http://www.diaemprendedor.com/

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, 2010-05-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES