
O conselleiro de Economía e Industria renovou en Vigo o apoio do Goberno da Xunta ao sector da automoción galego, o verdadeiro motor desta industria a nivel estatal, posto que representa xa o 17,5% da produción total de vehículos, e sitúa a Galicia nunha clara posición de liderado. Javier Guerra fixo estas declaracións no transcurso dunha visita á XIX edición do Salón do Automóbil, que se ten convertido nunha das citas de referencia do sector en España.
O conselleiro salientou a importancia que a Xunta de Galicia no seu conxunto, e a Consellería de Economía e Industria, en concreto, conceden ao sector da automoción en Galicia. Nese sentido, lembrou o contido do novo Plan Integral Re-Móvete Automoción, e destacou que dispón dun orzamento específico que suporá un investimento de 120 millóns de euros que está destinado a axudar ao sector nestes momentos de crise, pero tamén para fortalecelo de cara a garantir o seu futuro a través da aposta pola innovación e as novas tecnoloxías.
Con este programa, Galicia pretende pasar das medidas puntuais e illadas a ofrecer un conxunto de medidas que faciliten unha resposta áxil e axeitada ás diferentes necesidades da totalidade do sector, garantindo o máximo apoio á conservación dos empregos e ao crecemento económico.
O Plan Integral Re-Móvete Automoción integra cinco liñas básicas de actuación: fabricación, industria auxiliar, comercialización, eficiencia enerxética e apoio ao clúster sectorial. A liña destinada ao ámbito da fabricación está orinetada a apoiar ás plantas ensambladoras, e conta cunha dotación económica que roldará entre os 35 e os 40 millóns de euros. Ao mesmo tempo, e principalmente a través do Igape, a Xunta de Galicia seguirá apoiando á industria auxiliar, a especializada na fabricación de compoñentes, impulsando á innovación e o desenvolvemento de novos investimentos cunha dotación orzamentaria inicial, que pode ser ampliable, de 60 millóns de euros.
O plan integral a prol da automoción contempla tamén medidas que permitirán seguir apoiando á comercialización, cunha achega inicial de seis millóns para axudas á compra de vehículos, coa finalidade de compensar o efecto negativo que causará, sobre as vendas, a anunciada subida do IVE. O primeiro destes plans permitiu subir as vendas, de xuño a decembro, nun 26,5%, impulsando o despegue da industria automobilística cunha achega de case 16 millóns de euros, que repercutiu na compra de vehículos, xerando unha facturación de case 370 millóns de euros.
O Plan Integral Re-Móvete Automoción incluirá tamén unha liña de actuación baseada no apoio ao Clúster da Automoción, para incentivar os proxectos colectivos, en beneficio das máis de 80 empresas agrupadas neste ámbito. Asemade, este conxunto de medidas inclúe apoios coordinados desde a Consellería de Economía e Industria, a procura de solucións de mobilidade sostible para lograr unha maior eficiencia enerxética, pol que o plan integral integra axudas para a compra de vehículos eléctricos e híbridos que alcanzarán ata o 15% do prezo do vehículo novo, e ata 7.000 euros no caso de vehículos eléctricos.
Neste eido, o conselleiro salientou que Galicia será a primeira comunidade autónoma de España en ter lista a normativa que regulará as infraestruturas e os puntos de recarga para o vehículo eléctrico, posto que xa ten definida unha rede primaria de infraestruturas de recarga para o vehículo eléctrico, que contará con medio millar de puntos de abastecemento espallados por toda a xeografía galega. Esta rede estará presente nos ámbitos interurbanos, intraurbanos, da man das gasolineras, e permitirá a posta en marcha de estacións multifuncionais de electromobilidade demostrativas nas sete cidades e nas que se investirán 2 millóns de euros.
Javier Guerra tamén destacou o apoio directo que a Consellería de Economía e Industria facilita ao sector a través do propio Salón do Automóbil de Vigo, onde o Igape dispón dun espazo expositivo para achegar información directa sobre as diferentes liñas de apoio e servizo que facilita ás empresas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.