Notas de prensa

Sexo? Por que non? abre a programación de maio

Sexo? Por que non? é unha divertida comedia interpretada por Mercedes Castro na que se amosan situacións cotiás en torno ao encontro carnal. A oferta de espectáculos de maio no Salón Tetro de Compostela inclúe os recitais de Vashti Bunyan e Lorena Lores.

A montaxe da compañía galega EME2 Emoción&Arte Sexo? Por que non? inicia a programación de maio do Salón Teatro de Santiago de Compostela como primeira entrega dunha variada carteleira que dá cabida a un total de seis funcións teatrais e dous concertos. O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) acollerá tamén as últimas proposta escénicas dos grupos madrileños Kamikaze e K Producciones, a música en directo de Vashti Bunyan e Lorena Lores, a proxección de varias curtas dentro do festival Curtocircuíto e o inicio da Mostra Internacional de Teatro Universitario.

Con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Ãlvaro Lavín, Sexo? Por que non? é unha divertida comedia que amosa situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental. O espectáculo -do que se desenvolverán dúas funcións o sábado 8 e o domingo 9- pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, xa que case nunca falamos del máis que desde os complexos e os estereotipos, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico.

Días despois (22 e 23 de maio), a compañía madrileña Kamikaze Producciones presentará a súa primeira produción teatral, La función por hacer, unha adaptación libre de Miguel del Arco e Aitor Tejada da obra de Luigi Pirandello Seis personaxes en busca de autor. A montaxe, pasa por ser unha das revelacións da actual temporada a nivel estatal, desenvolve unha posta en escena moi especial na que se sitúa en primeiro plano a interacción coas únicas 80 persoas que conforman todo o público posible en cada pase.

A violencia nas aulas

O sábado 29 e o domingo 30 será a quenda da montaxe de K Producciones La charca inútil, escrita por David Desola e dirixida por Roberto Cerdá. O texto, galardoado co Premio Lope de Vega de Teatro en 2007, é un drama sobre a violencia nas aulas onde os personaxes mostran o seu desencanto pola crúa realidade da sociedade actual. Adolfo Fernández, Sonia Almarcha e Miguel Palenzuela interpretan uns personaxes atormentados, víctimas dun entorno opresivo e dunha sociedade que escarba na dor allea.

Así mesmo, desenvolverase unha nova cita coa música de vangarda inserida na programación da extensión en Santiago do Festival Sinsal. Deste xeito, o mércores 12 o Salón Teatro acollerá o concerto da cantautora Vashti Bunyan na súa volta aos escenarios despois de trinta anos, despois de voltar aos estudos de gravación arroupada por unha nova xeración de músicos interesados no folk como Devendra Banhart ou Joanna Newsom.

Ademais, o xoves 20 terá lugar a actuación da cantante galego-arxentina Lorena Lores, que presentará Dúas Beiras, un espectáculo no que, por medio da música e da danza, amosa a cultura das dúas beiras do Atlántico, a galega e a riopratense, e o enriquecemento producido polo encontro de ambas como froito da emigración. No concerto conxuga cancións tradicionais galegas, outras da súa autoría, tangos e cancións do folclore arxentino.

O Salón Teatro converterase do luns 24 ao xoves 27 en sala de cinema para acoller parte das proxeccións do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto que, organizado pola Concellería de Cultura de Santiago, ofrecerá varias sesións diarias. Finalmente, como en anos anteriores, o Centro Dramático Galego (CDG) cederá o seu escenario para a celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario da USC (Universidade de Santiago de Compostela) que terá lugar entre o luns 31 de maio e o domingo 6 de xuño.

As entradas para asistir aos espectáculos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do seu comezo. Tamén se poderán adquirir na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES