Notas de prensa

O rapeiro americano Raekwon actúa en Santiago de Compostela o 14 de maio

Xacobeo Importa trae por primeira vez a Galicia ao rapeiro americano Raekwon que actuará o 14 de maio na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Achegar ao público galego artistas internacionais de referencia en pequenos espazos, obxectivo deste ciclo.

O ciclo Xacobeo Importa traerá por primeira vez a Galicia ao rapeiro americano Raekwon, que actuará o 14 de maio a partir das 22.00 horas na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para asistir a este concerto pódense adquirir desde hoxe nas webs servinova.com e breakpoint.com. Xacobeo Importa é una iniciativa do Xacobeo 2010 e o Ciclo Importa que trae consigo unha programación regular, que engloba a grupos e artistas do circuíto independente , que nunca visitaron Galicia, ou que pola súa traxectoria, estilo ou relevancia, merecen ser presentados ao público galego en actuacións únicas e formatos especiais.

Raekwon é o máximo representante do rap da costa este de Estados Unidos e un dos alumnos avantaxados de Wu-Tang Clan, un dos grupos de hip hop máis grandes e influíntes da historia. Raekwon é o primeiro compoñente desta agrupación que actúa en Galicia. Nesta data exclusiva na comunidade galega estará presentando o seu último disco Only Built 4 Cuban Linx Pt. II, continuación do álbum do mesmo nome que en 1995 revolucionou a forma de facer rap e converteuse nun dos referentes do hip hop da pasada década.

O disco, que obtivo o respaldo da crítica e do público, arrasou nos Estados Unidos, entrando no número catro da lista Billboard. En España foi elixido por Mondo Sonoro como o mellor disco de hip hop do ano e medios especializados no rap puxérono entre o mellor do 2009. Raekwon ten xa unha sólida carreira, tanto formando parte dos Wu-Tang Clan como en solitario e destaca por renovar completamente o rap, no que introduciu samplers máis elaborados, procedentes do soul e do jazz clásico.

Con esta incorporación, o ciclo Xacobeo Importa sigue completando unha programación de estilos variados que chega a distintos tipos de público con propostas de primeiro nivel. Tralos concertos de Vetiver, Richard Hawley, Joan Baez e Yo la Tengo, no mes de maio chegan Mark Lanegan e Raekwon, dous artistas de referencia no seu estilo, tan dispares como interesantes.

Concerto de Mark Lanegan

Deste xeito, o 18 de maio, só catro días despois da actuación de Raekwon, a Sala Capitol acollerá a partir das 20.30 horas o concerto de Mark Lanegan, para o que as entradas xa están á venda. A súa actuación en Santiago de Compostela será unha das únicas tres datas que ten fixadas en España.

Esta será a súa primeira xira en solitario en seis anos, tras formar parte de Screaming Trees, e nela repasará os grandes momentos da súa extensa carreira. Emparentado no clube das grandes voces que forman Johnny Cash, Tom Waits ou Nick Cave, nos últimos anos Lanegan demostrou as súas inquietudes ao traballar en diferentes proxectos con artistas como Grez Dulli (The Twilight Singers), Isobel Campbell (Belle & Sebastian), Soulsavers ou Queens of the Stone Age.

Dende o ano 2008, o Ciclo Importa presentou en Galicia a grupos de importante traxectoria internacional, como Gogol Bordello, Tindersticks, Millencolin ou Skye Edwards. Máis de 4.000 persoas gozaron destas actuacións. En 2010, o ciclo Xacobeo Importa ten a firme intención de consolidarse como una proposta estable, que teña unha programación regular ao longo do ano con concertos como os dos mozos estadounidenses Vetiver, que actuaron en Pontevedra o pasado 2 de decembro, ou figuras consagradas como Joan Baez, que actuou en Vigo. O certame manterá como centro de actividade Santiago de Compostela pero fará o camiño por outras cidades como Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-04-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES