Notas de prensa

Continúan as conversas para que un novo grupo asuma o proxecto de Alfageme

As conversas cos grupos aspirantes á compra mantéñense con total normalidade, dentro da compartida preocupación polo feito de que a propiedade actual non facilite un acordo que permita un cambio na titularidade e na xestión.

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de apoiar o proxecto industrial da empresa conserveira Alfageme e o mantemento do cadro de persoal, sempre e cando a propiedade actual dea entrada a un novo socio maioritario coa solvencia de xestión e financeira necesarias para garantir a viabilidade futura da firma. Na procura de candidatos solventes para facerse cargo do grupo, o Igape contactou con diferentes grupos empresariais e investidores, ata localizar catro candidatos dispostos a facerse cargo de Alfageme, cos que se seguen mantendo contactos na procura dunha saída que garanta a continuidade da empresa. Por outra banda, e ao mesmo tempo, o Igape está a analizar polo miúdo o destino dado aos préstamos bancarios avalados a Alfageme e, no caso de detectarse un uso incorrecto do financiamento, levará a cabo as accións que correspondan.

Os contactos cos catro grupos candidatos comezaron a iniciativa do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolvéronse mediante numerosos encontros, é mantéñense na actualidade dentro dun clima de entendemento e coordinación, sen que en ningún momento ningunha das firmas interesadas expresase ningún malestar polo trato recibido no labor de mediación desenvolvido pola administración, que sempre as considerou candidatos sólidos. Antes ao contrario, estas firmas e o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria comparten a súa preocupación por constatar as dificultades existentes para chegar a un acordo coa propiedade actual de Alfageme para facilitar o cambio na propiedade e na xestión, condición imprescindible para que desde a Xunta se poida manter o apoio ao plan industrial da compañía.

Alfageme acumulou importantes perdas durante os tres últimos anos, sen que a situación da firma mellorase despois da concesión, en abril de 2008 e marzo de 2009, de avais por importe de 30 millóns de euros. Con todo, a Xunta de Galicia está disposta a manter o apoio ao futuro da compañía, polo proxecto industrial reflectido no plan de viabilidade e pola continuidade dos postos de traballo, sempre a cando se dea entrada a un novo socio coa solvencia de xestión e financeira necesarias para sacar adiante un proxecto desta magnitude.

Desde a súa toma de posesión, o actual Goberno galego traballou de xeito intenso e constante para promover a adecuación e aplicación dun plan de viabilidade capaz de garantir a continuidade da firma e o mantemento do emprego na maior medida posible. Desde maio de 2009 ata a actualidade houbo encontros continuados coa propiedade, coas entidades financeiras acredoras, cos representantes dos traballadores e cos grupos interesados en facerse coa compañía. Acadáronse consensos arredor da aplicación do plan de viabilidade mediante unha dirección profesionalizada e sobre a necesidade de facilitar un cambio na propiedade da firma, logo de constatarse que esa era a única posibilidade de futuro.

Sen embargo,a actual propiedade da empresa está a facer inviable, polo de agora, o cambio de titularidade na sociedade, logo de elevar de forma sorprendente, no último momento, as súas esixencias para deixar paso a un novo empresario. Esta situación desemboca nun concurso de acredores onde a Xunta de Galicia defenderá coa máxima intensidade os dereitos dos traballadores afectados a os de todos os galegos.

A intensa labor de mediación da Xunta de Galicia permitiu localizar a catro grupos, con plans económicos e financeiros solventes, interesados en Alfageme: unha empresa galega do sector conserveiro, dous grupos conserveiros españois (non galegos), e un grupo de investidores galegos apoiado por un fondo de investimentos. Os candidatos coinciden en rexeitar a permanencia do accionista maioritario e en respectar as liñas básicas, tanto industriais como financeiras, do plan de viabilidade elaborado. Os candidatos tamén consideran imprescindible a segregación, segundo o plan de viabilidade, dos activos non vinculados á actividade futura da empresa e da débeda financeira.

Ata o momento, a Xunta de Galicia está a mobilizar todos os medios, recursos e esforzos posibles para procurar achegar unha solución de viabilidade para a conserveira Alfageme, para procurar que poida manter a súa actividade e a maior parte do seu cadro de persoal. O obxectivo segue a ser o de garantir a viabilidade futura da compañía e o mantemento dos postos de traballo. Para acadar ese obxectivo, resulta imprescindible un cambio de propiedade e xestión, da man dun novo socio novo socio coa solvencia de xestión e financeira para un proxecto industrial como este.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES