Notas de prensa

Galicia e Castela León procuran unha macrorrexión co Norte de Portugal

Un dos obxectivos da nova macrorrexión Galicia-Castela León-Norte de Portugal é coordinar esforzos para negociar a atribución de fondos europeos en futuros marcos financeiros comunitarios. Emerxencias, automoción, educación, investigación e xuventude, eixos centrais.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia de Castela e León, José Antonio de Santiago- Juárez, mantiveron un encontro en Valladolid no que anunciaron que teñen posto en marcha o proceso para crear unha macrorrexión co Norte de Portugal, nunha proposta que será trasladada ás autoridades lusas –que xa coñecen o proxecto e amosaron o seu interese en poñelo en marcha- para avanzar da maneira máis rápida posible e acadar un acordo entre as partes.

Rueda e De Santiago repasaron os eixes de cooperación entre as dúas comunidades e analizaron cales serían as áreas nas que se podería centrar o órgano común co país luso. Esas liñas toman como base o acordo de colaboración subscrito o pasado mes de xaneiro entre os presidentes galego e castelán- leonés, Alberto Núñez Feijóo e Juan Vicente Herrera.

A posta en marcha dunha macrorrexión pode facilitar os procedementos para acceder aos recursos económicos necesarios para desenvolver proxectos e, de feito, a Unión Europea ve con bos ollos este tipo de alianzas plurirrexionais con características comúns, especialmente se comparten fronteira. Así, un dos obxectivos da posta en marcha desta innovadora fórmula é acadar financiamento europeo para os proxectos transfronteirizos.

Segundo destacou Rueda, un dos fins do acordo é coordinar e potenciar os esforzos das institucións implicadas para negociar a atribución de fondos europeos cara a fronteira das dúas Comunidades Autónomas con Portugal nos futuros marcos financeiros comunitarios. Nese sentido, o conselleiro recordou que a Xunta xa avanzou a súa aposta pola cooperación transfronteiriza como mecanismo para captar fondos, e así llo trasladou a pasada semana aos responsables da Comisión Europea e da Eurocámara cos que mantivo encontros en Bruxelas.

Nese marco de cooperación conxunta con Portugal, Rueda e De Santiago avanzaron, entre outras materias, no deseño dun proxecto de colaboración co país veciño no eido das emerxencias. A iniciativa consiste na execución dun programa transfronteirizo de impulso dos recursos materiais e humanos a disposición dos servizos de emerxencia das zonas implicadas, para levar a cabo unha actuación conxunta e coordinada dos servizos de intervención e resposta ante as emerxencias.

Outro dos obxectivos do convenio pasa por compartir experiencias e proxectos de promoción entre Castela e León e Galicia en Portugal, así como desenvolver actividades de dinamización socioeconómica e cultural nas poboacións fronteirizas.

Sectores clave

En canto ás materias susceptibles de desenvolver no marco desta colaboración, ademais da cuestión das emerxencias teñen gran importancia as de tipo económico e, concretamente no ámbito industrial, os conselleiros de Presidencia de Galicia e Castela e León destacaron a importancia do intercambio de experiencias entre ambas rexións e o Norte de Portugal en materia de automoción, un sector clave nas súas respectivas economías.

Outro dos ámbitos no que ambas partes se amosaron interesadas en unir esforzos é o educativo, especialmente no relativo ás universidades e na liña de incrementar a participación en proxectos conxuntos de cooperación transfronteiriza na Formación Profesional. Así mesmo, incidiuse na necesidade de fomentar o intercambio de experiencias e a realización de programas conxuntos no terreo da investigación científica e tecnolóxica.

Finalmente, tamén estiveron na axenda da reunión cuestións relativas a igualdade e xuventude, ao ámbito laboral -onde xa se realizan entre as tres rexións traballos conxuntos no marco de proxectos europeos-, ao medio ambiente –xa que a fronteira entre Galicia, Castela e León e Portugal conta cun rico patrimonio natural- e no da cultura e o turismo –co Xacobeo e o Camiño de Santiago como eixo central-.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES