
O presidente do PP de Ferrol e vicesecretario do PPdeG, José Manuel Rey Varela, censurou a actitude do Goberno Central e, concretamente, do presidente Zapatero, no caso da negociación do levantamento do veto a Navantia aproveitando a presidencia española da Unión Europea. Neste sentido, Rey Varela acusaba ao líder dos socialistas de tentar enganar a todos os ferroláns con promesas que sabía de antemán que non ía cumprir, en alusión ás palabras que pronunciou Zapatero no seu día e nas que se comprometía a suprimir o veto aos estaleiros ferroláns.
Así, Rey Varela evidenciaba que transcorridos catro meses desde o inicio da presidencia española o comisario da Competencia, o español Joaquín Almunia, pronunciábase respecto diso para confirmar as sospeitas dos populares: a falta de implicación do Goberno socialista neste asunto. Nin petición, nin xestión algunha para levantar o veto á construción civil no estaleiro de Navantia Fene. E iso, a pesar de comprometerse Zapatero persoalmente.
Para Rey Varela, esta é a forma de proceder do Goberno socialista con Galicia, e máis concretamente cos ferroláns e ferrolás, aos que tivo enganados catro meses cando a súa intención desde un principio foi o non facer nada respecto diso. Así mesmo, o popular censurou as dificultades que historicamente vén impoñendo o PSOE ao desenvolvemento da construción naval na Comunidade Autónoma galega, onde é un sector estratéxico. E ao fío, Rey Varela instaba ao Executivo Central a seguir o exemplo da Xunta de Galicia e do seu presidente Alberto Núñez Feijoo e apoiar sen fisuras a este sector, máxime cando se trata dun tema de vontade política e de peso de España dentro da UE.
Finalmente, Rey Varela instou ao Goberno de Zapatero a cumprir o seu compromiso e negociar ao máximo nivel para que o Consello Europeo se sitúe de forma favorable sobre o levantamento do veto sobre Navantia Fene.
Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación do BNG
A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, presentou unha pregunta ao Comisario de Competencia para aclarar se recibira algunha petición do levantamento do veto á construción naval dos estaleiros Navantia-Fene. Deste xeito, Joaquín Almunia comunicoulle ao BNG que a Comisión non recibiu ningunha solicitude do Estado español ao respecto.
Na pregunta, Ana Miranda, explicaba que a construción naval é unha industria estratéxica para moitos Estados membros. Na súa argumentación expón que segundo recoñeceu o Consello nas Conclusións do Consello de maio de 2001 o sector da construción naval, debe continuar mellorando a súa competitividade.
Unha serie de nacións europeas, como é o caso de Galiza, con vocación marítima integrada -construción naval, pesca e marisqueo, transporte marítimo- foi un exemplo de innovación, pois logo de sufrir un proceso intensísimo de reconversión industrial foi adaptándose a novos retos na aposta pola innovación e a competitividade da industria naval e de reparación, sinalou a voceira nacionalista en Bruxelas.
Con todo, desde o 2004, o estaleiro de Izar-Fene (hoxe empresa pública Navantia) sufriu unha prohibición na súa produción naval civil alegando un acordo entre a Comisión Europea e o Estado español en 2004 sobre devolucións de axudas de Estado, que vetou a produción civil naval até o 2015.
O Congreso dos Deputados español e o Parlamento galego reclamaron o levantamento do veto á construción civil deste estaleiro galego, considerando que esta limitación non ten sentido, e menos neste momento de crise financeira, económica e enerxética, pois conta cuns activos de gran potencial desaproveitados nun territorio onde o sector naval foi clave para o desenvolvemento, para a innovación e que ten o valor engadido da capacidade e coñecemento cualificado dos profesionais deste sector que nos últimos anos de actividade dedicáronse con grande éxito ás construcións off-shore, destacou Ana Miranda.
A resposta da Comisión pon de manifesto que o señor Zapatero está a incumprir a palabra dada e o compromiso alcanzado no Parlamento do Estado co portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera. Na resposta tampouco se alude a ningunha comunicación recibida a respecto do levantamento do veto por parte da Xunta de Galiza.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.