Notas de prensa

Saen á venda as entradas dos concertos de Luz Casal

No marco da programación do Xacobeo 2010 veñen de saír á venda as entradas para os concertos que Luz Casal ofrecerá en Pontevedra e Lugo os días 28 e 29 de maio.

Saen á venda as entradas para asistir aos concertos que a artista galega Luz Casal ofrecerá da man de Xacobeo 2010 en Pontevedra e Lugo, os vindeiros días 28 e 29 de maio, respectivamente. Do mesmo xeito, desde onte xa se poden adquirir as localidades para gozar do espectáculo que ofrecerá o cantante Raphael en Vigo o próximo 28 de abril con fins benéficos. As localidades para as actuacións de ambos artistas, que forman parte da programación preparada para o Camiño da Música, pódense comprar a través da web de Caixanova (www.servinova.com).

O Centro Cultural de Caixanova da cidade do Lérez será o primeiro en acoller a actuación dunha das artistas galegas máis laureadas, Luz Casal, que subirá ao escenario a partir das 21.00 horas do día 28 de maio. Os prezos das localidades varían entre os 20, 25 e 30 euros. Ao día seguinte, e á mesma hora, estará no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo e, para esta ocasión, as entradas pódense comprar por 20 ou 30 euros.

Cunha inconfundible voz, a artista interpretará as súas cancións máis célebres, ademais de descubrir algúns dos seus temas do seu novo traballo de estudo, La Pasión, co que rende homenaxe ao bolero latinoamericano e co que se achega ao xénero que dominou o universo musical dese territorio ao outro lado do océano durante a maior parte do século XX.

Por outra banda, á cidade olívica chegará o vindeiro 28 de abril Raphael, que actuará no Teatro Sala de Concertos da Obra Social de Caixanova de Vigo, a partir das 21.00 horas, nun evento promovido polo Xacobeo e a Fundación Porto de Vigo. Este evento terá fins benéficos, pois os fondos irán destinados a asociación AFAN (Asociación Freijeiro de Ayuda al Necesitado), de Vigo, e que proporciona axuda e recursos ás persoas máis desfavorecidas da cidade.

Vigo acollerá, pois, unha nova etapa na xira 50 anos despois, coa que o intérprete celebra o seu medio século de traxectoria musical. A privilexiada voz do intérprete de temas como Escándalo ou Como yo te amo estará acompañada unicamente polo piano de Juan Esteban Cuacci, co que fará un repaso dos temas que marcaron toda a súa carreira. O prezo das localidades oscilan entre os 20,70 euros aos 40 euros.

Despois de ter levado esta xira por grandes teatros en New York, Bos Aires, Lima, Moscú, Madrid ou París, o cantante recalará con esta xira, tamén, en A Coruña nun dobre concerto no Teatro Colón de man do Xacobeo e Caixa Galicia os días 23 e 24 de abril, propoñendo ao público unha velada íntima e cun delicado aceno teatral que impregnará coa súa paixón e talento incomparable.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES