
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou un convenio de colaboración coas compañías de distribución eléctrica para apoiar o desenvolvemento de plans de mellora da calidade do servizo e subministración eléctrica, de control de tensión e de limpeza de marxes das liñas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo o establecido neste acordo, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, financiará con 2,53 millóns de euros a mellora da prestación do servizo eléctrico en Galicia, co que se xerará un investimento de máis de 24,17 millóns de euros.
Neste convenio contémplase a realización global de case 260 actuacións en máis de 200 concellos galegos espallados polas catro provincias, o que supón un notable incremento con respecto ás obras levadas a cabo no periodo anterior, e que únicamente abrangueron 182 accións de mellora neste eido.
Entre as obras, que teñen un beneficio potencial para máis dun millón de galegos, están incluídas as máis de 166 dos plans de mellora do servizo eléctrico, as 30 accións pertencentes aos plans de control da tensión, e as 63 de limpeza das marxes polas que discorren as liñas. Este acordo deriva do convenio marco xa autorizado co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O convenio de colaboración entre o departamento que dirixe Javier Guerra Fernández e as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica para a mellora da calidade da subministración de enerxía eléctrica en Galicia para o ano 2010, enmárcase dentro dun plan cun horizonte temporal no ano 2013 e que se materializará nos vindeiros anos en próximos convenios de colaboración.
Ao abeiro deste convenio, asinado hoxe polo conselleiro de Economía e Industria e os representantes das distintas compañías, máis de 200 concellos da comunidade se verán beneficiados pola posta en marcha de iniciativas de mellora do servizo eléctrico, unha iniciativa orientada fundamentalmente de cara aos municipios rurais.
Javier Guerra lembrou que o Goberno galego traballa para impulsar melloras que aumenten a calidade das infraestructuras e servizos, e polo tanto a calidade de vida en todos os concellos de Galicia.
Segundo o conselleiro de Economía e Industria, é fundamental incentivar a mellora da calidade dos servizos eléctricos que as compañías prestan aos Galegos para asegurar o axeitado desenvolvemento das nosas vilas e cidades e o respecto aos dereitos dos consumidores, garantindo a mellora continuada dos servizos de subministro enerxético.
No acto de sinatura estiveron presentes, ademais do conselleiro de Economía e Industria, o conselleiro delegado de Gas Natural/Unión Fenosa, Rafael Villaseca; o presidente de Begasa, Miguel Antoñanzas Alvear; o presidente da Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia, que engloba a numerosas empresas de toda a Comunidade Autónoma, José Manuel Arufe Rieiro; e Ignacio Suárez Garin en representación de Endesa, entre outros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.