Notas de prensa

A Xunta propón un percorrido pola arte en feminino a través do libro 100 mulleres galegas: artistas emerxentes

A consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran na edición desta obra que tanta centrar a mirada nas mulleres como suxeitos da arte e non coma obxectos.

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentaron o libro 100 Mulleres Galegas: Artistas Emerxentes, que descobre e fai visible unha mostra da arte en feminino que se está a facer nestes momentos en Galicia, así como tenta recompensar, na medida do posible, a inxustiza histórica que no mundo das artes plásticas se cometeu ao longo da historia coas mulleres. A obra está editada pola Consellería de Cultura e Turismo e pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, e realizada pola Asociación Teenses pola Igualdade, que no acto estivo representada pola súa presidenta Rosa Gomez, que tamén é autora da obra xunto con Patricia Núñez.

Na presentación deste libro, Roberto Varela afirmou que esta obra “difunde e divulga unha parte indispensable da cultura galega, e constrúe ademais un discurso reivindicativo sobre o rol das mulleres nesta cultura, na nosa tradición e no noso presente artístico”. Asemade, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu en que “é necesario seguir reivindicando o caudal creativo das nosas artistas e a sensibilidade estética das artistas galegas; seguir promovendo a mirada enriquecedora que aportan as mulleres á nosa cultura”.

En referencia a este compromiso coa participación da figura das mulleres na arte, Roberto Varela mostrou o “firme compromiso da Xunta de Galicia na promoción e difusión do seu traballo, e o noso sincero entusiasmo ante iniciativas coma esta, que outorgan visibilidade á creación feminina galega, garantindo así unha visión máis ampla e enriquecedora da nosa cultura”. O titular de Cultura e Turismo manifestou que a “produción das artistas galegas na súa diversidade, na súa complexidade e na súa riqueza, fuxindo de retratos estereotipados, contribúe a consolidar un sólido alicerce no que poderán apoiarse á súa vez as moitas creadoras que están por chegar”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade indicou que “as mulleres artistas son as grandes ausentes da historia da cultura, moi especialmente das artes plásticas” e lamentou que “moito dese incesante traballo continúa sendo anónimo a pesares dos esforzos realizados por conseguir incorporar en pé de igualdade a información sobre as achegas femininas ao avance científico e cultural da humanidade”.”Tentar subsanar esa débeda histórica coas mulleres é un dos obxectivos”, puntualizou.

Marta González indicou que neste libro quíxose “centrar a mirada nas mulleres como suxeito da arte e non coma obxectos da mesma” que foi o habitual ao longo da historia, e por iso, dixo, “estou convencida de que coa publicación desta obra dáse un paso importante na construción dunha narración alternativa, un anaco da historia presente das mulleres artistas galegas”.

Mulleres artistas

O libro presentado é un percorrido artístico pola obra de 100 mulleres que inclúe a artistas con experiencias e bagaxes moi diferenciados. Algunhas moi novas, comezando as súas carreiras artísticas; outras xa en idade madura, que coñeceron tardiamente a súa vocación e aptitudes e apuran con fruición os días dedicadas en corpo e alma á recén descuberta paixón. Algunhas delas, xa se están a facer un oco no panorama artístico galego, e outras están máis afastadas destes circuítos pola imposibilidade de autopromocionarse individualmente ante unha escea artística case sempre demasiado competitiva, pero contan cunha calidade e uns enfoques que non deberían pasar desapercibidos.

Na obra, son as mesmas artistas as que toman a palabra, narrando a súa historia, a súa relación coa arte, enriquecendo así o volume a través do establecemento dun diálogo con cada unha delas.

O número 100 indica a transformación vivida polo mundo da arte neste século XXI. As artistas que participan no libro pertencen a xeracións distintas, teñen diferentes motivacións, utilizan distintas linguaxes artísticas: abstractas, narrativas, funcionais, surreais, obxectivas, feministas, críticas, comprometidas, intérpretes, etc. As propostas son diferentes, pero o resultado final conforma un interesante abano representativo do panorama artístico feminino en Galicia.

As artistas atópanse en orden alfabético, xa que as autoras consideraron que así se permite observar o contraste dos diferentes estilos, temáticas, técnicas e materiais empregados, podendo deste modo contemplar obras dunha esencia máis clásica xunto a outras expresións artísticas máis experimentais; e tratando de dar a esta publicación un enfoque mais persoal, pois non só falan as artistas, senón tamén as mulleres.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES