Notas de prensa

Xacobeo 2010 inaugura en Palas de Rei a mostra do xaponés Tomohiro Muda

A mostra Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente, do xaponés Tomohiro Muda, foi inaugurada polo conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Palas de Rei (Lugo). A mostra fotográfica preséntase como unha testemuña da capacidade do Camiño para atraer xentes de todo o mundo.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu no concello lucense de Palas de Rei a inauguración da exposición fotográfica ‘Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente. Tomohiro Muda’, enmarcada dentro do Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010, A mostra está baseada nas imaxes que o fotógrafo xaponés realizou durante as súas peregrinacións a Santiago.

Roberto Varela destacou que a exposición de Tomohiro Muda “testemuña a capacidade do Camiño para atraer xentes de todo o mundo, pois durante séculos o fenómeno xacobeo fascinou a viaxeiros e peregrinos favorecendo os intercambios culturais e asumindo un rol protagonista na vertebración de Europa”. O conselleiro de Cultura e Turismo valorou tamén a proposta do Camiño Contemporáneo para achegarnos “novas aproximacións a este gran legado cultural” e situou como unha das grandes virtudes da arte contemporánea a posibilidade de “re-propoñernos a nosa realidade máis inmediata en formas novas”.

O fotógrafo Tomohiro Muda declarase amante do románico francés e, sobre todo, do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea. Roberto Varela enxalzou o traballo de Muda describíndoo como “unhas imaxes fascinadas e fascinantes, de enorme sensibilidade” e gabando a súa virtude de “rastrexar nos espazos, nos lugares, nas pedras mesmas a carga emotiva, espiritual e humana do Camiño”.

A exposición que dende hoxe se pode visitar no concello lucense, xa estivo con anterioridade en París, Tokio, Wakayama (Xapón) e en Santiago. Para o ano 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo quere compartila con varios concellos que forman parte do Camiño a Santiago e facer chegar a estas localidades a fonda impresión que a experiencia da programación causou neste fotógrafo xaponés. Durante a inauguración desta mostra en París no ano 2008, o autor referiuse expresamente a impresión que lle causara no transcurso das súas peregrinacións a localidade de Vilar de Donas, situada en Palas de Rei.

A mostra de Tomohiro Muda conta tamén coa colaboración da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dependente da Consellería de Medio Rural. Ao acto inaugural esta mañá asistiron o alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado; o director xerente da Sociedade para o desenvolvemento Comarcal de Galicia, Severino Ãlvarez Monteserín; e o responsable do Departamento de Exposicións da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul. A exposición, de carácter itinerante, estará no Centro Comarcal A Ulloa de Palas de Rei ata o próximo 31 de marzo.

Itinerancia

Despois da súa estancia este mes no concello lucense de Palas de Rei, definido polo conselleiro como “unha vila de esencia fondamente xacobea”, a exposición ‘Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente. Tomohiro Muda’ trasladarase ao concello coruñés de Ames, onde estará aberta ao público dende o 6 de abril ao 7 de maio. En xuño, a mostra do fotógrafo xaponés chegará ao municipio coruñés de Dumbría, onde poderá visitarse entre o día 15 dese mes e o 16 de xullo. En agosto, será a quenda do concello de Muxía, no que a mostra de fotografía estará dende o día 3 ata o 31. A selección de fotografías sobre o Camiño de Tomohiro Muda fará a súa última parada no municipio de Fisterra. Alí, a mostra entre o 2 e o 31 de setembro estará nun enclave intimamente relacionado coa peregrinación, o faro desta localidade, que é punto e final do Camiño de Santiago para moitos peregrinos.

Tocante á itinerancia da exposición, Roberto Varela expuxo a súa confluencia respecto a “un dos obxectivos da programación do Xacobeo 2010, o de potenciar a oferta cultural en cada recuncho do noso país, mediante unha coidada descentralización dos eventos e propostas” co ulterior propósito de “mellorar os índices de consumo cultural en Galicia”.

‘Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente. Tomohiro Muda’ forma parte do Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010, onde se recollen os proxectos expositivos de carácter máis vangardista e que se exhibirán en diversos espazos de Galicia. Este itinerario amosa unha revisión do Camiño e da figura do peregrino a través dos ollos dos artistas máis representativos da fotografía e das artes plásticas do momento. Estas mostras caracterízanse por incluír retratos e paisaxes, que permiten facer unha peregrinaxe fotográfica polas diferentes rutas xacobeas.

A obra de Tomohiro Muda

O fotógrafo Tomohiro Muda naceu no ano 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón. En 1982 empeza a súa carreira como profesional independente, presentando seis anos despois a súa primeira exposición, ‘A Terra de Sherpa’, con fotografías que tomou na localidade de Sherpa, no Himalaia. Máis tarde viaxou por todo o mundo recollendo imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre china, no Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas fotos reuníronse baixo o tema ‘Espazos de oración, formas de oración’ en exposicións fotográficas e publicacións.

Muda tamén expuxo numerosas fotografías como as que compoñen as coleccións fotográficas centradas na “luz” e a “presenza”, que inclúen ‘Roma’, ‘O muro do tempo’, ‘Cara de Ferro’ e ‘Retratos de Poli’, cidade italiana entre montañas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES