
O catálogo de propostas vai desde a redacción dos convenios colectivos, coa cláusula de dereitos lingüísticos incluídos, ata a extensión nas nóminas, contratos de traballo e outros documentos do ámbito das relacións laborais. A rotulación interior, o plurilingüísmo nas páxinas web, a etiquetaxe e a publicidade, forman parte das medidas dese abano de posibilidades que se lles ofrecen ás empresas para incorporaren progresivamente a lingua galega nas súas actividades empresariais dunha maneira natural, propiciando a tarefa do reencontro, aínda pendente, entre a economía e a identidade, que tal é o obxectivo que persegue o Foro E. Peinador.
As empresas participantes neste encontro Encontro foron: Celtic Estores, representada polo seu director xerente, Casián García; Energy, por Xabier Monteagudo; Alejandra Bernardo, Aguas de Mondariz; Xulio Fernández, presidente Filmax; José Domínguez Álvarez, director Financeiro do estaleiro Factorias Vulcano; Grupo Academia Postal, representada polo seu director xeral, Francisco Novoa Rodriguez; Francisco Rodriguez, Presidente da Confederación de Empresarios de Ourense; Lito Andión da Cooperativa Láctea Hoxe, e Xosé Manuel Ortigueira, director financeiro de Xesgalicia. Aínda que non estivo presente, Mario Cardama, de Astilleros y Varaderos Francisco Cardama, S.A, manifestou a súa adhesión ao proceso galeguizador.
Asistiron tamén don Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, que manifestou ou seu compromiso de apoio á normalización lingüística no ámbito empresarial, e don Carlos Varela García Fiscal Superior de Galicia.
Na mesma xuntanza tomouse o acordo de seguir apoiando o proceso de galeguización da etiquetaxe dos produtos agroalimentarios e continuar coas compañas dirixidas aos consumidores galegos, instándoos a preferiren estes produtos polo que supón de positivo para a normalización da lingua galega.
Asemade, o Foro E. Peinador, prepara para os próximos meses a organización de diversos actos para escenificar a adhesión ao proceso galeguizador, como no seu día foron os actos celebrados no Estaleiro H.J.Barreras, promovidos por esta empresa e ACLUNAGA, asociación do clúster galego do naval.
Proximamente está prevista a participación nestes Encontros de coñecidas empresas en Galicia, así como a organización dun acto conmemorativo do Primeiro Congreso de Economía Galega celebrado en 1925 en Lugo, que tanta pegada deixou na historia da nosa economía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.