Notas de prensa

O Plan de Choque fronte á Crise beneficiou a máis de 30.000 traballadores e consolidou 24.800 empregos

No balance do Plan de medidas urxentes fronte á crise, posto en marcha no mes de xullo de 2009, o Goberno galego destaca a mobilización de preto de 1.200 millóns de euros procedentes do plan de austeridade e da reorientación doutras partidas.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, informou de que o coñecido como “Plan de Choque” –posto en marcha no pasado mes de xullo- beneficiou a máis de 30.000 traballadores galegos, ademais de consolidar ao redor de 24.800 empregos. A isto hai que sumarlle os apoios que ofreceu ao tecido produtivo galego a través de avais e outras axudas, xunto coas achegas realizadas en medidas sociais.

Mato explicou, en rolda de prensa, que estes 30.000 traballadores repártense nuns 19.000 que se beneficiaron de programas formativos e de inserción laboral, aos que se suman os 4.000 contratados a través da partida excepcional para os programas de cooperación e os 7.000 mobilizados grazas ás obras en infraestruturas.

Durante a súa intervención, a titular do departamento autonómico lembrou que este Plan de medidas urxentes fronte á crise mobilizou preto de 1.200 millóns de euros, procedentes da reorientación doutras partidas e do plan de austeridade. Con todo, recordou que se trata dun plan “urxente”, que agora dará paso a medidas a medio prazo que se incluirán no Plan autonómico de emprego 2010-2013, que xa se está a negociar cos axentes sociais –ao igual que se fixo co Plan de choque-.

O Plan de medidas urxentes artellouse en torno a catro liñas de actuación: fomento do emprego, fomento da produtividade e do tecido industrial, apoio ás familias e outras medidas sociais, e, finalmente, operacións de financiamento e avais.

Fomento do emprego

Así, Mato informou das principais medidas de cada un destes eixos. No que se refire ao fomento do emprego, a conselleira fixo fincapé no orzamento extraordinario de 30 millóns que se destinou aos Plan de cooperación local e institucional. Esta contía adicional permitiu a contratación de 4.075 desempregados.

Ademais, lembrou que a esta cifra habería que sumarlle as 3.957 persoas contratadas a través do orzamento ordinario destes plans, co que resultarían beneficiarios ao redor de 8.000 galegos e galegas. A isto, habería que engadir os 4.000 galegos e galegas que tomaron parte nos obradoiros de emprego e escolas obradoiros.

Tamén no eido do fomento do emprego, o Plan de choque permitiu destinar 24,4 millóns á formación de traballadores, co fin de mellorar a súa cualificación profesional. Grazas a este investimento, realizáronse 1.320 cursos dos que se beneficiaron 15.828 persoas.

Nesta mesma liña de actuación, tamén se achegaron un total de 6,3 millóns de euros para a recolocación de traballadores en situación de desemprego, procedentes de sectores en crise ou de Expedientes de regulación de emprego (ERE), un investimento do que se beneficiaron 3.240 traballadores. Deste total, detallou a conselleira, “preto do 35 por cento estará insertado no mercado laboral cando rematen os programas formativos, que están neste momento en execución”.

Fomento da produtividade e do tecido industrial

A conselleira tamén explicou as medidas levadas a cabo no eido do fomento da produtividade e do sector industrial, no que se inclúen os investimentos en infraestruturas, plans de fomento da competividade industrial, medidas de dinamización do medio rural e outras actuacións de fomento industrial.

No que se refire ás infraestruturas, Mato asegurou que os 444 millóns investidos en licitación, permitiron mobilizar 7.000 postos de traballo. Neste sector, levouse a cabo un plan extraordinario de mellora da seguridade viaria, dotado de 24 millóns de euros, e que na actualidade ten xa executado a maior parte das 150 accións que incluía.

En infraestruturas tamén se puxo en marcha un plan de saneamento e mellora hidráulica, composto por sete actuacións e que contou cun investimento de 14,1 millóns de euros, unha cifra á que hai que sumar os 8,4 millóns de euros das obras de instalación de colectores xerais en Ribeira, que está pendente de licitación.

Estas actuacións supuxeron “un volume de licitación continuo”, un camiño que “se manterá e se incrementará ao longo do 2010, porque o Goberno galego está convencido de que os investimentos en infraestruturas públicas son unha das claves para xerar emprego”.

No fomento da produtividade e do tecido industrial, tamén se incluíu o Plan Re-móvete, que xerou un volume de negocio duns 370 millóns de euros grazas aos 15,75 destinados pola Xunta para mobilizar as vendas de automóbiles. Isto permitiu consolidar os empregos de 24.800 traballadores ocupados neste sector.

No eido do medio rural, a Xunta investiu un total de 20 millóns para axudas directas a explotacións leiteiras endebedadas, que beneficiaron a preto de 8.000 explotacións gandeiras; ademais de dous millóns para a campaña de incendios, grazas aos que se contrataron 266 brigadistas co que se incrementou en 38 brigadas máis o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O fomento do tecido industrial tamén repercutiu no sector industrial, a través dos investimentos en producións e coproducións audiovisuais en lingua galega, con 4,8 millóns de euros. A maiores, destináronse un total de 1,4 millóns de euros a subvencionar a creación audiovisual, ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, á produción de curtametraxes e ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos.

Medidas sociais e de apoio ás familias

A conselleira tamén desglosou as medidas máis importantes de carácter social levadas a cabo dentro do Plan de choque. Neste sentido, destacou os 27,7 millóns “extra” destinados á Lei de Dependencia, que permitiron atender –entre setembro e decembro- a un total de 5.344 persoas en situación de dependencia, dos que 4.321 foron grandes dependentes.

“Con este empuxe conseguimos incluír no sistema en 2009 un total de 10.000 persoas en atención á dependencia en 9 meses”, declarou Mato, que destacou que a este esforzo orzamentario súmase unha inxección de 60 millóns de euros para pagar atrasos a dependentes, que permitirá atender a 6.000 persoas máis nos próximos tres meses. En total –e tendo en conta o investimento realizado na contratación de persoal-, a Xunta terá destinado un esforzo adicional para á Dependencia de ao redor de 100 millóns de euros, sinalou a titular do departamento autonómico.

No que se refire ás medidas sociais, tamén se reduciu o tipo impositivo de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para o fomento de acceso á vivenda, que inclúe unha rebaixa fiscal aos menores de 36 anos e familias numerosas, e posibilitou a reactivación do mercado inmobiliario.

Tamén hai que ter e conta as subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica dos desempregados que atopasen traballo fóra da súa residencia habitual. A estas axudas achegouse un total de 750.000 euros e beneficiou a 26 persoas (isto é, a todas aquelas persoas que o solicitaron).

Operacións de financiamento e avais

Por último, Mato fixo referencia ás medidas máis importantes levadas a cabo no eido do financiamento e dos avais. Neste sentido, citou o programa Re-imaxina, que se trata dun programa de apoio ao investimento de pemes e microempresas, consistente en facilitar liñas de financiamento a xuros reducidos e sen gastos a través das entidades financieiras. En total, o IGAPE recibiu 488 solicitudes para mobilizar préstamos por valor de máis de 11 millóns de euros.

No Plan de choque tamén se incluíron os programa Re-solve e Re-brote, que autorizaron 830 solicitudes para mobilizar préstamos para circulante por importe de 94 millóns de euros. Mato tamén se referiu ao programa Re-móvete industrial, destinado a apoiar investimento do sector da automoción.

“Todo este grupo de actuacións de financiamento e avais axudou a que moitas emprsas seguirán funcionando nun momento difícil no que as entidades financieiras están a esixir máis garantías. Todo isto redunda no emprego”, aseverou a conselleira.

Finalmente, Mato concluíu que o balance do Plan de choque “é positivo”, especialmente tendo en conta “o pouco marxe de tempo e de recursos” dos que dispuxo o Goberno galego, que realizou “un gran esforzo”. Con todo, insistiu en que a Xunta xa está a traballar en medidas a medio prazo no marco do diálogo social.

Ademais, a conselleira reflexionou que todas estas medidas, tomadas no fomento do emprego, obra pública, avais e outros, permitiron tanto a incorporación ao mercado laboral de traballadores, como o seu mantemento. Isto “contribuíu a que os índices de desemprego mantiveran un importante diferencial co Estado”, que na última Enquisa de Poboación Activa se situaba ao redor dos seis puntos de diferenza.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, 2009-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES