Notas de prensa

A Deputación de Lugo apoia con 35.000 euros o III Rallye Comarda da Ulloa

O obxectivo é instaurar na comarca unha proba automobilística que se consagrou no mundo do motor galego nestes dous anos grazas ao seu poder de convocatoria e ao éxito de participación.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou no Pazo de San Marcos o III Rallye Comarca da Ulloa, que se disputará o 20 de febreiro nos concellos de Palas de Rei e Monterroso. Xunto a Antón Bao estiveron na presentación do rally o presidente da Escudaría da Ulloa, Luís Vilariño, e os alcaldes dos concellos de Monterroso e Palas de Rei, Antonio Gato e Fernando Pensado. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, desculpou a ausencia do presidente da Federación Galega de Automobilismo e do Subdelegado do Goberno, quen non puideron acudir á presentación tal e como estaba previsto nun principio.

Na súa intervención, Antón Bao destacou que “a Área de Deportes da Deputación colaborou sempre co Rally da Ulloa desde a súa primeira edición”, contribuíndo deste xeito a instaurar na comarca unha proba automobilística que se consagrou no mundo do motor galego nestes dous anos grazas ao seu poder de convocatoria e ao éxito de participación. Bao fixo referencia a que esta proba, por ser a primeira do calendario automobilístico galego, conta cunha alta participación de equipos de referencia que aproveitan para probar os seus vehículos de cara á competición. Antón Bao sinalou que a Deputación apoiou decididamente con 35.000 euros esta proba “xa que constitúe, non hai que esquecelo, un importante axente dinamizador socioeconómico con capacidade para xerar beneficios no sector hostaleiro e turístico da comarca”. Tal como recordou o vicepresidente da Deputación, calcúlase que “son máis de 20.000 as persoas que acoden a presenciar o rally da Ulloa, polo que o impacto e repercusión que isto ten na economía local é moi importante e algo que ter en conta á hora de organizar competicións deportivas deste tipo”. Antón Bao aludiu á capacidade dun evento como o rally para dinamizar o sector turístico “nunha comarca que conta cun enclave como é o Castelo de Pambre, onde toma a saída o rally, e que agardamos axiña se converta nun ben público como edificio histórico, e que sexa un emblema, ademais de para a comarca, para todo o País”.

Pola súa banda, Luís Vilariño, presidente da Escudaría da Ulloa –organizadora do evento, agradeceu á Deputación de Lugo todo o apoio que desde a Área de Deportes se lle brinda á organización do Rally Comarca da Ulloa desde a súa posta en marcha e explicou que este ano se introducirán dúas novidades: unha axilización na disputa dos tramos cronometrados que permitirá rematar o rally sobre as 7 da tarde e a inclusión dun tramo-espectáculo cronometrado en Monterroso na que se cobrará, para axudar a sufragar a organización, unha módica entrada polo acceso ao público, que contará con lugares máis privilexiados e seguros para presenciar o tramo.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, 2010-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES