
Ourense é o punto de encontro do sector funerario de toda a península grazas á celebración da sexta edición de Funergal, unha feira profesional de carácter monográfico, que se está consolidando como un referente para empresarios do sector tanto en España coma en Portugal. Durante o acto de inauguración celebrado esta mañá, a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, incidiu na importancia de Funergal como a única cita monográfica do sector funerario para o ano 2010, así como no papel desta cita como unha vía de introdución das empresas galegas no mercado portugués, posto que en Portugal non existe ningunha feira especializada no sector.
Funergal, Feira de produtos e servizos funerarios, é unha das dúas citas do sector funerario celebradas en España e unha das cinco que se celebran en Europa. O seu obxectivo é fomentar o negocio, a competitividade e a actualización do sector funerario, ofrecerá unha ampla gama de produtos e de servizos, ao tempo que acollerá a celebración dunhas Xornadas Técnicas e mesmo unha entrega de premios organizados por un portal de internet especializado no sector.
Na edición deste ano, a feira conta cunha superficie de 6.000 metros cadrados, un 30% con respecto á edición anterior, e coa participación de 75 expositores, o que supón tamén un incremento do 15%. Entre os sectores representados hai 17 empresas de fabricación de ataúdes, unha área de negocio en constante crecemento e de grande relevancia e tradición na provincia de Ourense; haberá espazo para compañías de fabricación de vehículos funerarios, fabricantes de furnas e de lápidas, tanatorios, florerías ou encadernadores.
A actividade comercial de Funergal, que estará aberto aos profesionais no recinto feiral de Expourense en horario de 11:00 a 20:00 horas, complementarase coa celebración dunhas Xornadas Técnicas nas que se tratarán amplamente diversos temas relacionados coa evolución do sector funerario. As actividades centraranse na análise da situación do sector, en cuestións coma o marketing funerario, a xestión de cemiterios municipais ou a incorporación de internet aos servizos mortuorios. O sábado haberá unha sesión dedicada á tanatopraxia, na que se abordarán a homologación como nova profesión recoñecida, os cambios na lexislación, as necesidades formativas ou a introdución da muller no sector funerario.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.