Notas de prensa

O Plan Re-Forza 2010 fomenta a competitividade das empresas galegas

Con este plan o Igape compromete un incremento do 12% do seu orzamento, a pesar de que o Estado reduce noutro tanto os ingresos deste ano. O obxectivo é suavizar os efectos da crise e saír reforzados da depresión económica actual.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou os tres obxectivos sobre os que vai versar a actuación do Igape neste ano, destinados a acadar unha maior competitividade das empresas galegas, favorecer a súa internacionalización e axilizar “ao máximo” o tempo de resposta ás solicitudes. Así se desprende do Plan re-Forza 2010 do Igape que esta mañá expuxo ao Consello a Consellería de Economía e Industria.

“O novo Igape no que estamos comprometidos é un Igape eficaz, que saiba distinguir entre o fundamental e o accesorio, e entre as axudas que crean emprego e as que non o fan”, sintetizou o xefe do Goberno galego na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico onde, acompañado polo titular de Economía e Industria, Javier Guerra, deu conta do informe que recolle este plan de actuación do Igape previsto para o 2010.

Concretou que o obxectivo non é outro que “suavizar os efectos da crise e saír reforzados” do período de depresión económica no que está instalada a economía, polo que reafirmou que a Xunta vai centrar a súa actividade na “solvencia”, para “facilitar o aceso ao crédito das empresas galegas”.

Feijóo resaltou que con todas estas medidas, o Igape compromete un incremento do 12 por cento do seu orzamento a pesar de que a Xunta de Galicia reduce un 12 por cento os ingresos deste ano. “Mentres se reducen un 12 por cento os ingresos do Estado, o Igape incrementa nun 12 por cento o seu orzamento”, asegurou, para engadir: “Creo que este plan é suficientemente importante para remitir á mesa de diálogo social”.

Segundo sinalou o conselleiro de Economía e Industria, o Igape “está absolutamente comprometido, e quere ser un dinamizador moi importante da economía galega” para que sexa “unha das primeiras” de toda España que poida saír da situación de recesión actual. Así, asegurou que o obxectivo é facer del un organismo “facilitador de competencia e non subvencionador” da competitividade empresarial. O plan, que cualificou de “ambicioso”, amosa “o compromiso da Xunta co tecido empresarial galego”.

Máis investimento para promover a internacionalización das empresas
Coa internacionalización, a Xunta pretende, en palabras de Feijóo, “facilitar e aperturar” as empresas galegas a mercados fóra de España, dada a situación económica na que se atopa o noso país debido á recesión. Por iso, o orzamento dedicado á internacionalización de empresas medra nun 56 por cento. Neste contexto, Javier Guerra explicou que se busca, tamén, “recuperar a forza dos empresarios galegos no exterior”.

O plan está encamiñado a “buscar axudas para atopar a maior competitividade das empresas, incrementar estas subvencións para acadar unha maior internacionalización e buscar respostas en sectores estratéxicos na nosa economía”, insistiu o presidente. E, neste punto, prantexou o compromiso de que o tempo de resposta ás solicitudes presentadas por empresas sexa de 45 días, “para que poida ter unha perspectiva do que pode facer nun momento de dificultade económica”, agregou.

Impulso á economía

O presidente puxo en valor as políticas executadas polo Goberno galego para facer fronte á crise. Citou, así, o Plan de austeridade, dotado con 1.144 millóns de euros; o Plan de choque, que afectou a máis de 1.100 millóns de euros que se reordenaron no Orzamento do ano 2009, e outras actuacións de carácter máis sectorial.

A este respecto mencionou o Plan re-Móvete destinado a incentivar a venda de vehículos. Pechado o ano 2009 e, a pesar da crise, o número de coches vendidos en Galicia no pasado ano “superou un 4 por cento os vehículos vendidos no ano 2008”, apuntou. Foi un plan que, segundo precisou Feijóo, xerou un volume de negocio de 375 millóns de euros na venda de vehículos novos, e polo que o Igape atendeu máis de 22.200 solicitudes cun tempo medio de resposta de 4,6 días laborables por solicitude. “En menos de cinco días de media as persoas que querían comprar un coche nun concesionario galego tiñan a subvención informada favorablemente”, incidiu.

No tocante ao Plan Resolve e o Plan re-Brote, dous programas orientados a establecer avais para circulante das empresas galegas, resaltou que neste momento hai un total de 830 solicitudes atendidas e 94 millóns de euros xerados de volume de negocio. Tamén, mediante o Plan re-Imaxina, ideado para empresas de recente creación e microempresas, o Igape recibiu 488 solicitudes deste tipo de empresas para solventar os seus problemas financeiros e de investimento.

Feijóo referiuse, ademais, ao investimento do Igape de 100 millóns de euros para I+D, e á creación do Servizo de apoio aos autónomos que, segundo dixo, está a ser moi valorado por todas as asociacións de autónomos de Galicia. Tamén citou a posta en marcha do Plan Impulsa Lugo e Impulsa Ourense. Sobre estes dous, dixo que neste últimos meses recibíronse proxectos de investimento de 15 millóns de euros dentro das provincias do interior. E, rematou aludindo ao Plan de apoio a sectores estratéxicos como o lácteo, o da pedra, o naval, a agricultura ou o sector do automóbil.

Incrementando as axudas e avais

O xefe do Goberno galego detallou que o número total de axudas ao tecido produtivo no ano 2009 “se triplicou” e superou os 630 millóns de euros, fronte aos 208 millóns euros do ano 2008. No acceso a financiamento, concretou que aquel que é subsidiado por parte do Igape incrementouse un 1.146 por cento, pasando de 29 millóns de euros no ano 2008 a 360 millóns de euros no pasado ano.

Segundo apuntou, o número de avais medrou nun 148 por cento, pasando de 56 millóns a 138 millóns de euros. Tamén o apoio á internacionalización de empresas creceu un 48 por cento; e, sobre a xestión, o presidente dixo que “é un dos baremos” dese Igape comprometido que o seu Goberno tenta poñer en marcha.

As solicitudes recibidas multiplicáronse por catro, de 7.800 solicitudes do ano 2008 pasamos a 33.700. Delas, as resoltas multiplicáronse por seis, ao superar as 5.000 e chegar ás 33.000 do ano 2009. Nesta liña, precisou que a antigüidade media de solicitudes no ano 2008 estaba no contorno dos 304 días, mentres que no pasado ano a solicitude media se respostou en 49 días.

Fotografía: Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia / Arquivo de GD.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio_ambiente.jpg) Os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica. Na actualidade Galicia conta con 46 expedientes de baterías en tramitación, que suman 492,75 MW, aos que hai que engadirlle outros 3 expedientes (17,75 MW) xa autorizados.
Foto de la tercera plana (comercio-2.jpg) Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.

Notas

GaliciaDigital consólidase como o referente tecnolóxico para a pequena empresa en Galicia tras alcanzar os 139 beneficiarios no programa Kit Digital, segundo datos do propio programa a 31 de decembro de 2025. A día de hoxe, está preto dos 170 beneficiarios. Cun traxecto de 1.166 días de actividade, a firma lucense destaca pola súa eficiencia e proximidade no ecosistema dixital galego.
Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués abre o prazo de inscrición para a súa sexta edición, que se celebrará en Vigo durante o mes de outubro de 2026. A convocatoria, está dirixida a curtametraxes e longametraxes producidos en Galicia, por creadores galegos ou creadores de calquera dos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES