
Os reitores coincidiron en cualificar esta iniciativa de histórica, se ben, como lembrou Alberto Gago, a cooperación universitaria en Galicia funciona razoablemente ben dende hai anos, o que significa que temos unha importante experiencia acumulada. Ademais, subliñou Senén Barro, é un acordo que non responde contra ou ante ninguén, senón que é a favor do país.
Nesta mesma liña, José Mª Barja xustificou a pertinencia do momento, ao coincidir coa finalización da primeira fase do proceso de incorporación ao EEES ou co futuro desenvolvemento dun marco lexislativo en cuestións directamente relacionadas coas universidades. Xunto isto, o momento económico global obríganos a buscar sinerxías que axuden ao reforzamento e visibilidade do Sistema Universitario Galego.
As universidades asumen o compromiso de traballar relacionadas entre si e ordenadamente para ter unha contribución máis eficiente e eficaz a prol de obxectivos comúns, en resposta ás demandas da sociedade e dos seus axentes económicos, sociais, políticos, culturais... Segundo os reitores, a creación e transmisión do coñecemento, a súa valorización e transferencia e o desenvolvemento tecnolóxico deben ser perseguidos polas tres universidades galegas no ámbito da súa autonomía, pero tamén colectivamente, como sistema.
Aínda que na actualidade existen abundantes exemplos de cooperación interuniversitaria, as universidades galegas consideran que é necesario dar novos e máis relevantes pasos na liña de cooperar para ser máis competitivos, individual e colectivamente. Galicia non é unha potencia mundial en materia de formación universitaria e I+D e polo tanto necesita máis da intelixencia colectiva para estar no grupo dos países máis desenvolvidos na sociedade do coñecemento, afirman os reitores.
Este Acordo de Cooperación Universitaria contempla a colaboración na docencia non só nos máster e doutoramentos, como vén sendo habitual, senón tamén nos graos. A oferta docente universitaria de calidade esixe cada vez de máis e mellores recursos, dun profesorado cun nivel moi alto de formación e competencia e de títulos de grao cada vez máis versátiles e con enfoques inter e multidisciplinares, argumentan.
Tamén é necesaria a cooperación en apostas estratéxicas no eido da investigación e da transferencia. En moitos ámbitos científico-tecnolóxicos é moi difícil facer unha investigación punteira sen sofisticadas infraestruturas e equipamentos, cuxo custe de adquisición, instalación, mantemento e utilización son inviables se non se colabora. Do mesmo xeito, é imprescindible contar con masa crítica e procurar a acumulación de talento que permita a abordaxe de estratexias de gran relevo na escala estatal e internacional.
Cada unha das Universidades galegas ten ámbitos de intensificación e especialización da súa actividade de I+D+I nos que resulta especialmente competitiva e potencialmente de excelencia. Identificar individual e colectivamente estes ámbitos en cada Universidade e buscar a cooperación das outras é indispensable para guiar mellor as inversións das administracións públicas, ter maior probabilidade de éxito en programas competitivos estatais e internacionais e, en definitiva, lograr facer unha investigación e unha formación de maior impacto científico, económico e social.
Este é o caso das ciencias e tecnoloxías da vida, na USC; o medio mariño, na UVigo; e a edificación e construción sostibles, na UdC. Estes tres polos científico-tecnolóxicos representan a primeira concreción de agrupamento estratéxico no sistema galego de I+D e achegan a información seleccionada que precisan os gobernos para dirixir a súa acción orzamentaria cunha maior eficiencia e garantía de éxito. Estas apostas suporán un avance significativo na formación, na investigación, na creación de emprego, na prestación de servizos de alto valor engadido, etc.
Galicia ten o dereito a esixirlle aos seus gobernantes e ás súas universidades que traballen desde o diálogo e a cooperación, e máis no actual escenario económico, para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida, afirman. Precisamente nesta liña as Universidades galegas sitúan este acordo de cooperación.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.