Notas de prensa

A Xunta pide reforzar a negociación dos produtores do leite durante a presidencia española da UE

O conselleiro de Medio Rural enviou unha carta á ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino para que España aproveite a Presidencia rotatoria da Unión Europea para imprimir celeridade na resolución dalgúns aspectos urxentes.

O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, Samuel Juárez, enviou unha carta á ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Elena Espinosa, na que solicita que España aproveite a Presidencia rotatoria da Unión Europea para imprimir celeridade na resolución dalgúns aspectos urxentes ligados ao sector lácteo.

En concreto, o conselleiro pide á ministra que se reforcen “os sistemas de sostemento de prezos”, e se aborde “con propostas máis ambiciosas o problema da escasa capacidade de negociación dos agricultores no contexto das normas de competencia”, un asunto que, lembra Juárez na misiva, xa estivo presente na recente entrevista entre as organizacións de produtores agrarios e o presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero.

Neste senso, o conselleiro do Medio Rural considera que “a excesiva lentitude nas tarefas que se desenvolven polo grupo de traballo de alto nivel” [creado ad hoc pola Unión Europea] leva á ausencia de propostas concretas que xa son urxentes para este sector fundamental na economía galega.

Voo cancelado

Na carta, o titular do Medio Rural desculpa a súa ausencia no Consejo Consultivo de Agricultura [xuntanza dos responsables autonómicos e nacionais na materia] que tiña lugar no Ministerio, inasistencia debida á cancelación do voo que tiña que levalo a Madrid. É por este motivo polo que Juárez envía a carta a Espinosa, coa intención de que a postura galega fique expresamente reflectida nos documentos e foros que o Ministerio estableza a partir de agora para fixar a posición española sobre a Política Agraria Común máis aló de 2013.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, 2010-01-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES