Notas de prensa

Cultura subvenciona a máis de 40 asociacións lucenses pola realización de eventos turísticos

A liña de axudas cubre ata un máximo do 75% dos gastos das actividades e persegue a conservación do patrimonio cultural dos pobos, que constitúe un atractivo para a promoción da provincia.

A Consellería de Cultura e Turismo aprobou subvencións por valor de 134.890 euros que se distribuirán entre 44 asociacións da provincia de Lugo que ao longo do último ano teñen organizado festas ou outros eventos de interese turístico.

A consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia esta primeira resolución de axudas xunto coas asociacións e colectivos que resultaron beneficiarios. Tal e como recolle o DOG, haberá posteriores concesións, e os solicitantes que non aparecen nesta primeira relación deberán entender que os seus expedientes se atopan en trámite de estudo e revisión da documentación.

A Xunta colabora coas asociacións, na súa meirande parte sen ánimo de lucro, que organizan feiras, festas patronais ou festas singulares nos distintos concellos galegos, ao entender que entre as actuacións de fomento do turismo resultan especialmente relevantes todas aquelas encamiñadas á conservación do patrimonio inmaterial dos pobos.

Os eventos subvencionados contribúen ao realce e a difusión do acervo cultural e histórico das localidades nos que se celebran, sendo ademais un atractivo para o turismo. Así, entre as celebracións que recibiron axuda económica por parte da Xunta na provincia figuran a Feira das San Lucas, en Mondoñedo, O Filandón do Courel, a proba automobilística Subida á Chantada, e a Queima das Fachas ou a recreación da Malla de Vilapena, en Trabada. Igualmente, figuran numerosas festas patronais ou festas gastronómicas.

Todas estas actividades desenvolvéronse ao longo deste ano, polo que a subvención se concede en base aos investimentos xustificados polos organizadores, podendo alcanzar un máximo do 75% dos gastos.

Con este programa de axudas, a Consellería de Cultura pretende optimizar os recursos dispoñibles, tanto de infraestrutura como humanos e económicos, para contribuír á organización e promoción destes eventos, que en definitiva dan a coñecer a extraordinaria diversidade de Galicia a través da gastronomía, a artesanía e as tradicións das distintas localidades.

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, 2009-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES