
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presidiu o acto de entrega das certificacións Q de Calidade Turística no primeiro Salón Turístico de Galicia, onde afirmou que o futuro do turismo en Galicia depende do esforzo común a prol da diversificación e da calidade da nosa oferta. Roberto Varela deu os seus parabéns a todos os que recolleron por primeira vez a súa certificación Q de Calidade Turística de Galicia, e a aqueles establecementos que renovan a súa certificación. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo e a alcaldesa de Silleda, Ofelia Rey.
O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que o sector turístico galego e a propia Xunta de Galicia teñen un compromiso irrenunciable coa obtención da máxima excelencia competitiva. Boa proba desta vontade compartida entre o tecido empresarial galego e a Administración, é o feito de que máis de 150 establecementos galegos conten xa cos certificados Q de Calidade Turística.
Roberto Varela explicou que o obxectivo estratéxico de cara ao 2010 é a formalización deste área nunha Delegación Territorial do Sistema de Calidade Turística Española en Galicia, a fin de xuntar esforzos e optimizar os recursos dispoñibles. De cara o futuro, o titular de Cultura e Turismo recordou que a difusión da marca Q de Calidade Turística representa ó mesmo tempo un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia e unha constatación da competitividade do noso sector turístico. Aqueles que poden presumir con orgullo da súa letra Q seguirán sendo no futuro os mellores embaixadores da proverbial hospitalidade da nosa terra, apuntou Roberto Varela.
Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou que coa celebración de este Salón Internacional a Fundación Semana Verde fai o que se espera dela: identificar oportunidades de negocio para os emprendedores galegos. Neste sentido, recordou que hai uns meses a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra realizararon unha importante achega económica á Fundación convencidos da utilidade da mesma como instrumento para promover a dinamización económica de Galicia e hoxe, aquela decisión institucional revélase acertada.
Alfonso Rueda afirmou asemade que Galicia é un territorio con infindas oportunidades para o desenvolvemento turístico nas súas máis diversas expresións e que confía en que esta Feira amplíe as posibilidades do noso sector turístico e estenda, aínda máis, a atractiva imaxe de Galicia no mundo.
A calidade como sinal de identidade
Roberto Varela afirmou que Galicia pode presumir dunha variada oferta cultural, dunha gastronomía única, do atractivo que supón a nosa natureza, a nosa paisaxe e as nosas praias. A piques de entrar no 2010 e comezar a celebración do ano Xacobeo, o titular de Cultura e Turismo animou ao sector hostaleiro a seguir facendo da calidade a sinal de identidade dos nosos produtos e servizos turísticos, dos nosos aloxamentos, da atención e o servizo en Galicia.
Roberto Varela defendeu que unha simple Q é hoxe sinónimo de confort, condicións e atención exquisitas. Segundo o titular de Cultura e Turismo, son cada vez máis os turistas que condicionan a elección do seu destino, do seu hotel ou do seu restaurante á presenza do logotipo Q.
En canto a oferta turística galega, o conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que está a avanzar notablemente en materia de infraestruturas e promoción, e traballa con forza no terreo da comercialización, pero pediu a todos os sectores implicados non baixar a garda no que respecta ó fomento da calidade, porque este é un dos elementos distintivos a nivel internacional.
Neste campo, os datos demostran que Galicia posiciónase na actualidade como unha das comunidades autónomas pioneiras no eido da calidade turística. En concreto, no referido ó turismo rural e mais ó turismo termal, a comunidade galega figura nos primeiros postos do ranking Q de Calidade Turística. O 22% dos aloxamentos rurais con este distintivo en todo o Estado son galegos, e o un de cada cinco balnearios con Q están na nosa comunidade.
Formación do sector hostaleiro
Para seguir ofertando un excelente servizo, Roberto Varela afirmou que a Consellería de Cultura e Turismo ten moi presente a necesidade de impulsar políticas de formación globais que contribúan a mellorar as experiencias turísticas daqueles que nos visitan e a reforzar a aposta do Goberno Galego pola calidade no sector. Os profesionais do sector turístico constitúen a cara visible para os que se achegan a coñecernos e a formación dos traballadores é un elemento fundamental que debemos potenciar e dotar de recursos engadiu.
O conselleiro incidiu na necesidade de que a administración pública galega colabore coa iniciativa empresarial, pois o apoio institucional ao Sistema de Calidade constitúe a máis rendible das inversións posibles, porque incide na transformación cualitativa dos negocios turísticos, na evolución cara organizacións máis eficientes, e nunha maior satisfacción dos clientes, o que redunda na fidelización do destino Galicia.
A Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, dispón dun área específica destinada ós empresarios do sector para a sensibilización e implementación da marca Q de Calidade Turística. De cara a mellora o seu servizo, Turgalicia está realizando cursos de formación, ofertando unha asistencia técnica e levando a cabo campañas de comunicación para dar visibilidade ós establecementos certificados.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.