O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) as xornadas Cara onde vai o Estado autonómico?, nas que destacou o sentido da responsabilidade amosado sempre por Galicia no modelo autonómico e o seu esforzo por buscar equilibrios entre a unidade e a diversidade, na distribución do poder territorial e na dobre identidade galega e española.
Na súa intervención, o titular de Presidencia incidiu na plena disposición galega a participar no proxecto común de España sen renunciar á súa identidade galega e, tras trinta anos da aprobación dos primeiros Estatutos de Autonomía, subliñou a pertinencia das xornadas iniciadas hoxe porque é o momento oportuno para analizar o Estado autonómico e o seu futuro.
É un asunto de máxima transcendencia e actualidade, apuntou Rueda, que recordou a reforma do Estatuto de Autonomía de Cataluña e o fallo do Tribunal Constitucional que está pendente sobre o novo texto. Así, aproveitou para reclamar que non se produzan presións irresponsables sobre o Alto Tribunal, que deberá tomar unha decisión desde a máis estricta obxectividade e observancia da legalidade.
Tamén se referiu á reforma estatutaria catalana o director da EGAP, Pablo Figueroa, quen na súa intervención incidiu na oportunidade que representan estas xornadas neste momento, xa que quen de verdade queira resolver un problema, primeiro debe velo, dixo citando a Ortega y Gasset.
Pola súa banda, o coordinador das xornadas, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Blanco Valdés, aproveitou o acto para glosar a figura do presidente do Consello de Estado, Francisco Rubio, que foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural da xornada e a quen definiu como o máis importante constitucionalista español destes momentos e moi probablemente da segunda metade do século XX.
Na súa conferencia, titulada Reforma constitucional. Un debate aberto, o presidente do Consello de Estado e catedrático de Dereito Constitucional realizou un percorrido polo Estado das Autonomías tras recordar que os seus futuros posibles están en función do seu presente, como o presente está en función do seu pasado.
Francisco Rubio indicou que o presente é o resultado do que chamou a terceira gran onda de reformas estatutarias e considerou que de cara ao futuro ábrense tres sendas, na que a máis probable pero menos satisfactoria é seguir coa actual situación. As outras dúas pasan por unha reforma constitucional, ben sexa mantendo o Estado das Autonomías establecendo normas que regulen o procedemento de reforma dos Estatutos, ou ben indo cara un Estado federal.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.