
A Consellería de Economía e Industria apoia o encontro Puntaires e Palilleiras I Xornada de diagnose e retos de futuro do encaixe que se desenvolve na localidade de Arenys de Munt (Barcelona). A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño apóianse estas xornadas, que están organizadas polo Concello de Camariñas e por Artesanía de Catalunya.
O encontro está dirixido a artesáns, deseñadores, estudantes e profesionais de sectores vinculados directa ou indirectamente co encaixe, coa súa produción, coa súa comercialización ou co patrimonio cultural. Os contidos da xornada son moi amplos, dende a conferencia inaugural sobre a historia do encaixe, ata a comercialización en diversos mercados e a colaboración do encaixe con outros sectores coma o turismo ou a moda. Para participar neste encontro desprazáronse ata Barcelona seis artesás profesionais do encaixe, a directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, Dolores Lema, os concelleiros de Encaixe, Desenvolvemento e Turismo, Sergio Caamaño, e de Urbanismo, Mercedes Martín, así como un representante da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.
Por outro lado, no ano 2009, a Consellería de Economía e Industria investiu un total de 50.000 euros destinados á organización e á promoción desta actividade artesanal de longa tradición en Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. En concreto, o investimento destinouse a apoiar a celebración da XIX Mostra do Encaixe de Camariñas, celebrado do 8 ao 12 de abril, e máis á organización dunhas xornadas técnicas dirixidas a artesáns e a asociacións de artesáns que tiveron lugar durante o desenvolvemento da Mostra. As xornadas trataban sobre técnicas de empaquetado, deseño de encaixe e o modelo das cooperativas aplicado ao desenvolvemento do sector do encaixe en Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.