
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a satisfacción de todo o pobo galego e do Goberno da Xunta pola liberación dos 36 tripulantes do Alakrana e puxo a disposición das familias dos mariñeiros secuestrados toda a axuda e os recursos que precisen. Despois de 47 días de secuestro, por fin conseguimos que toda a tripulación, sa e salva poida volver a España, e poida volver, neste caso, a Galicia, afirmou o mandatario galego nunha comparecencia ante os medios de comunicación para valorar a boa nova da liberación dos tripulantes do pesqueiro.
Núñez Feijóo explicou que, minutos antes de que o presidente do Goberno español ratificase aos medios a nova, concretamente ás 14,25 minutos, a vicepresidenta primeira do Goberno lle confirmou que o barco Alakrana con toda a tripulación, xa estaba navegando con ruta a Seychelles e que, desde as Seychelles, aproximadamente 40 horas de navegación, se producirá a repatriación a España vía aérea. Inmediatamente falei coa muller do patrón que me confirma que o seu marido falou con ela e que está navegando dentro do barco con toda a tripulación rumbo a Seychelles, polo tanto, con normalidade, sinalou Feijóo ao respecto indicando que lle transmitiu tamén o afecto persoal e a nosa satisfacción e o noso alivio por este desenlace que tanto desexabamos e que tanto tardou.
A disposición das familias
Nesta liña, o presidente galego quixo trasladar tamén todo o afecto do pobo galego, da Xunta de Galicia ás familias e aos mariñeiros que, dixo, estou seguro que hoxe senten unha enorme emoción compartida por todo o pobo galego e amosouse confiado en que o esperadísimo encontro dos tripulantes cos seus achegados se produza en breve, unha vez tocada terra en Seychelles e unha vez facilitado o regreso vía aérea a España.
O titular da Xunta tamén recoñeceu a enteireza e o comportamento exemplar das familias e da tripulación, do patrón e dos mariñeiros e aseverou que, desde o primeiro día, Galicia estará a disposición de todas as familias e de todos os mariñeiros para que superen, de forma definitiva, este lamentable episodio.
A este respecto, Feijóo anunciou que, a través da conselleira do Mar e do conselleiro de Presidencia se convocou xa o comité de seguimento entre as autoridades autonómicas e locais cun dobre obxectivo: facilitar todo aquilo que as familias precisen desde que cheguen a Galicia; e facilitar desde o primeiro día as axudas psicolóxicas e de todo tipo que precisen os mariñeiros para reintegrarse no menor tempo posible á súa vida normal. Polo tanto, remarcou o presidente galego, seguimos dando un total apoio aos mariñeiros, seguimos dando un total apoio ás familias e seguirémosllo dando unha vez que cheguen a Galicia e nas semanas posteriores ata a súa absoluta recuperación e volta á normalidade.
Traballar para que non se produzan novos apresamentos
Por último, o xefe do Executivo autonómico manifestou a súa vontade de traballar, desde mañá mesmo para tentar que non se volvan producir apresamentos ilegais como o do Alakrana noutros pesqueiros galegos e españois que faenan en augas do Índico.
Ese será o labor que debemos empezar a partir de mañá, insistiu lembrando, non obstante, que hoxe é un día de celebración, de felicitación, o día de respecto máximo ás familias, aos mariñeiros, e o día de dicir que, por fin, despois de 47 días, 36 tripulantes do Alakrana están navegando cun rumbo que os traerá a casa, cun rumbo que os traerá a Galicia, que os traerá a España. Ese era o obxectivo que por fin, 47 días despois, se consigue, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.