
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, asegurou na inauguración do VI Simposio o Libro e a Lectura dedicado ao Libro dixital: presente e futuro que a declaración do Ano do Libro e da Lectura presenta unha oportunidade única que non podemos deixar de aproveitar en 2010. No acto celebrado no Consello da Cultura Galega asemade o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón villares.
No seu discurso, Francisco López apreciou a importancia crecente de novos formatos de lectura como o libro dixital. Non deixa de ser unha forma máis de lectura, unha vía máis e un camiño novo para acceder aos mundos da imaxinación que se plasman nas letras, antes impresas, agora creadas electronicamente sobre unha pantalla, manifestou. Ante esta suma de recursos no campo da lectura, Francisco López previu que os soportes vellos e os novos convivirán como conviviron sempre, pero cada un deles no seu espazo xa que nin a televisión eliminou á radio, nin a radio enterrou a prensa, nin o vídeo suplantará a televisión. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura fixo público o compromiso e apoio da Xunta de Galicia ante este novo desafío, apoiando ás editoras que deciden adentrarse nestes novos mercados, aos libreiros, avalando os seus proxectos e colaborando na creación das bases que permitan un día facer un éxito do que aínda é unha ilusión.
Respecto a posible ameaza que supón a proliferación destes novos medios ante os vellos soportes, o director xeral de Cultura afirmou que hai xa anos que as transformacións nos aseguraban un futuro sen libros pero que a pesar de todo aquí estamos lendo cada día máis. O libro impreso nunca vai desaparecer, engadiu.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.