Notas de prensa

O presidente da Xunta augura o inicio da recuperación en 2010

Núñez Feijóo, presidente da Xunta, incidiu na necesidade de aproveitar esta crise para comezar unha nova etapa e converter a esta Comunidade Autónoma nunha Cidade Única, unha Galicia global. A conferencia abriu os ciclos Aula Aberta e Xoves Culturais da Fundación La Rosaleda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de inaugurar
o novo curso da Fundación La Rosaleda. O titular do Goberno galego impartiu unha conferencia baixo o título “2010: unha oportunidade para Galicia” na que trasladou algunhas das medidas e oportunidades que se abren para esta Comunidade Autónoma tras a difícil situación dos últimos anos.

O acto enmárcase dentro dos ciclos de actividades non médicas Aula Aberta e Xoves Culturais polos que pasaron destacadas personalidades do mundo empresarial, cultural e político, como o magnate mexicano Olegario Vázquez Raña, o vicepresidente primeiro de Unión Fenosa, Honorato López Isla, o almirante José Ángel Sande Cortizo, o premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006, Antonio Rodríguez Almodóvar, ou Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, entidade que colabora na organización destes ciclos.

A inauguración, na que participou tamén o presidente da Fundación La Rosaleda e ex presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, contou coa presenza de numerosas personalidades da vida política, económica, cultural e social de Galicia.

Unha nova etapa para Galicia

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia incidiu na necesidade de empezar unha nova etapa tras a intensa crise económica que vai supor unha reconfiguración do noso modelo de crecemento. Por iso propón a implicación de todos os axentes “políticos, económicos e sociais, así como de toda a sociedade” para aproveitar a saída da crise, “o momento en que todos partimos de cero” para pór a Galicia “por diante”.

Feijóo mostrou a súa intención de que tras o próximo debate orzamentario, se poñan as bases da “Comunidade Autónoma que queremos: unha Galicia, en definitiva, o máis parecida posible a unha Cidade Única, unha Galicia global”. Con este termo referiuse o presidente do Goberno galego á necesidade de “formular un futuro político, económico, social, ambiental e territorial nun único territorio cohesionado, e unha Galicia Cidade Única e policéntrica”.

A continuación Núñez Feijóo debullou algunhas das medidas que xa están en marcha ou que ten previsto levar a cabo a Administración autonómica para alcanzar este obxectivo e situar a Galicia “por diante”, tendo en conta a “oportunidade extraordinaria” que suporá a celebración do Xacobeo 2010.

Redución do orzamento

Tampouco esqueceu o presidente da Xunta a diminución “por primeira vez na historia da Autonomía” dos orzamentos, pero asegurou que non se debe confundir “máis diñeiro con mellor servizo” e aludiu a termos como “eficacia, eficiencia e a virtude de facer máis con menos”. Con respecto ás liñas básicas de traballo da Administración autonómica sinalou a “competitividade do tecido produtivo, o desenvolvemento sostible, o equilibrio territorial, e un sistema educativo, sanitario e de servizos sociais de calidade”.

Sobre as medidas postas en marcha polo seu executivo para facer fronte á crise asegurou que responderon ao que pedía a sociedade civil cumprindo unha estratexia que debe ir “de abaixo a arriba, desde os cidadáns para os cidadáns”, e que, máis aló de afrontar a crise “cunha certa inmediatez” forman parte dunha nova forma de gobernar “con sentido da austeridade, eficacia, eficiencia, rigor e realismo”.

“Aproveitemos este momento no que case todos partimos de cero para poñernos por diante e iniciar o proceso de cambio deste país para afrontar os retos do século XXI”, afirmou o presidente galego.

Fundación La Rosaleda, 2009-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES