O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o representante de Pequenos e Medianos Estaleiros Sociedade de Reconversión, S.A (Pymar), Antonio Sánchez-Jáuregui Martínez, veñen de asinar en Vigo un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta achegará 8 millóns de euros ao Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar, co que se garante a xeración de 2 millóns de horas de traballo para o mantemento do emprego nas industrias do sector.
Esta iniciativa supón incrementar nun 20% as aportacións actuais da Xunta de Galicia ao FPG de Pymar, que ascenden aproximadamente a 40 millóns de euros, coa finalidade de garantir que os estaleiros poidan acceder ao financiamento que precisan para facer efectiva a entrega dos diferentes buques en construción, e solventar así os atrasos que se están a acumular nas súas carteiras de negocios.
A Consellería de Economía e Industria ten incrementado os recursos do FPG de Pymar en 8 millóns para que con este fondo se poidan atender as solicitudes de garantías que precisan os estaleiros galegos para acceder ás diferentes operacións de financiamento dos seus proxectos. Deste xeito, o departamento que dirixe Javier Guerra, está a axudar as empresas do naval galego a superar as barreiras de acceso ao crédito, xa que, segundo o sector, este é un dos atrancos fundamentais á hora de atender os seus compromisos de fabricación.
En concreto, con esta achega facilitarase a contratación de 5 novas construcións adicionais de gran tamaño ou uns 8 buques de menor porte. Unha carga que equivale a un volume de traballo adicional de máis de 2 millóns de horas, coa conseguinte repercusión no mantemento do emprego directo dos estaleiros, como no emprego indirecto da industria auxiliar. Unha achega coa que tamén se prevé xerar un volume de negocio que se sitúa entre os 50 e os 60 millóns de euros.
Ademais, con esta iniciativa a Xunta está a apoiar a reactivación económica dun sector estratéxico para Galicia, xa que os 10 estaleiros galegos que forman parte de Pymar facturan conxuntamente máis de 850 millóns de euros e empregan, en cifras globais, a case 5.000 traballadores dun xeito directo e indirecto, a través da industria auxiliar.
Os estaleiros galegos, que representan o núcleo máis importante de construción naval en España, non son alleos as complicacións xeradas pola actual conxuntura económica, que ten provocado que as achegas actualmente realizadas ao Fondo Patrimonial de Garantías resultasen insuficientes para cumprir co obxectivo de atender a todas as solicitudes de garantías por parte do estaleiros.
En base a esta situación, e para facer fronte a estas necesidades de afianzamento, o Goberno da Xunta de Galicia considera necesario a subscripción deste novo convenio de colaboración para o fomento da construción naval en Galicia, mediante a complementación da capacidade de afianzamento do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar aos contratos dos estaleiros galegos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.