
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou a determinante influencia do deporte na educación dos rapaces e rapazas como medio para adquirir hábitos de vida saudables e interiorizar valores importantes para o seu crecemento persoal.
Raquel Arias realizou estas declaracións durante o acto de presentación do programa de actividades do club de baloncesto Porta XI Ensino, que inclúe citas puramente deportivas pero tamén outras de carácter lúdico, como as excursións para nenos e nenas vinculados ao equipo ou unha competición na que poderán participar as mulleres afeccionadas que o desexen.
A delegada aplaudiu o labor que está a desenvolver o club en favor da canteira, e que nos últimos anos deu os seus froitos posto que a primeira plantilla atópase na antesala da elite, disputando a Liga Femenina 2.
Explicou que a grandeza do equipo está no seu traballo de base, con 23 equipos de 300 rapazas, e tamén algún rapaz nas categorías iniciais, que levan o nome deste club, e que estende a práctica do baloncesto entre os nenos e nenas da capital e do resto da provincia, mediante colaboracións con outros equipos.
Á marxe dos éxitos deportivos logrados polo club, Arias quixo destacar que o equipo é un exemplo de traballo e unha escola de vida para os pequenos. Non dubidedes en continuar por esta senda, na procura dun equipo que quizá encha de apelidos lucenses a primeira plantilla, pero que, sobre todo, asentarase como unha escola vital para as rapazas de Lugo, afirmou.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.