Os Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia para o ano 2010 recollen unha partida de máis de 26 millóns de euros para o Plan de Infraestructuras Xudiciais, un ambicioso programa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que ten previsto investir case 100 millóns de euros nos vindeiros seis anos.
A través da Sociedade Pública de Investimentos, a Consellería de Presidencia ten previstas dúas importantes partidas unha por 16,3 millóns e outra de 10,5 millóns- para o Plan de Infraestructuras Xudiciais, concretamente para o novo edificio xudicial de Ourense e para os proxectos dos edificios de A Coruña, Pontevedra, Santiago e Vigo, cidades nas que aínda non se puido definir o proxecto porque os concellos implicados non puxeron os terreos a disposición da Xunta de Galicia.
A SPI ten como obxectivo proxectar, construír, conservar e explotar toda clase de infraestructuras que a Xunta promova ou participe. A súa actividade comprende tamén, logo de autorización do Consello da Xunta, a promoción e execución de actividades urbanísticas e inmobiliarias, adquisición e alleamento de toda clase de bens inmobles, xestión e realización das obras e dotación de servizos, así como a súa posible explotación.
Nesta mesma sociedade están contempladas tamén outras importantes partidas para outras obras da Consellería de Presidencia, como as actuacións nos Xulgados de Ferrol, os parques comarcais de bombeiros de Vilalba e Viveiro e a nova sede da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) no municipio pontevedrés da Estrada.
Non son as únicas actuacións de gran calado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o vindeiro ano 2010, xa que no seu orzamento ordinario tamén ten comprometidos importantes investimentos para obras nos Xulgados do Barco de Valdeorras, de Vigo, Corcubión, Pontevedra, A Estrada ou Negreira, entre outros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.