A portavoz de Educación do BNG, Carme Adán, denunciou que a supresión do módulo de Cociña Galega de Vangarda da formación de técnicos de Cociña é unha decisión política do Goberno do PP que causará un gran prexuízo ao turismo e á industria alimentaria de Galiza.
Carme Adán preguntoulle este mediodía na Comisión de Educación ao Director Xeral de Educación polas verdadeiras razóns polas que a Consellaría de Educación decidiu suprimir un módulo que supuña un custo cero para a administración, que daba boa formación, que gustaba ao alumnado e que era un valor engadido para o turismo e para a industria alimentaria galega.
A deputada nacionalista lembrou que a cociña galega é unha manifestación cultural e tradicional, que se adapta aos novos tempos e que é un atractivo importantísimo para o turismo galego.
Carme Adán subliñou que á Xunta de Galiza correspóndelle por lei
desenvolver o 45% dos módulos de FP, e así o fixeron mesmo comunidades como Castela e León, establecendo un módulo propio de Tapas e Pintxos.
Na sua resposta o director Xeral de Educación recoñeceu que a decisión da Consellaría obedeceu a que consideraban este módulo unha limitación á mobilidade dos estudantes, por exemplo a Madrid. Para Carme Adán a resposta demostra que a decisión foi completamente política, non de carácter técnico e demostra que para o Partido Popular todo o que sone a galego é unha limitación, non mostran a mínima autoestima e valoración do propio. Queren uniformizar a educación en Galiza coa de Madrid, mesmo eliminando da formación profesional un valor engadido importantísimo para Galiza como é a nosa gastronomía.
A deputada do g.p do BNG Carme Adán salientou o revisionismo revanchista, a improvisación e a reducción de dereitos como as principais características deste comezo de curso, o primeiro do actual goberno do PP, e lamentou que o director xeral de Educación se sinta satisfeito deste inicio e asegure que se produciu con normalidade.
Carme Adán amosou tamén a súa sorpresa porque a estas alturas o conselleiro aínda non fora quen de comparecer e teña que ser o director xeral o que asuma o traballo de dar contas de todas as incidencias e recortes que non se poden xustificar, segundo a deputada, por cuestións técnicas ou de lexislación senón que responden a decisións políticas acordes co modelo educativo polo que se aposta, que é o da privatización.
Neste sentido, a parlamentar pediu ao grupo popular que non queria confundir e non lle dea a volta aos argumentos tentando acusar á oposición de ser a que desvaloriza a pública.
A deputada nacionalista fixo un repaso durante a súa intervención aos distintos puntos de conflicto xerados polo goberno en materia educativa, salientando a supresión da gratuidade dos libros, sustituindoa por un peculiar concepto de gratuidade solidaria, e os bandazos que se están a dar sobre os comedores escolares.
A este respeito, pediu que se clarifique se as declaracións realizadas por
Diego Calvo son un aviso a navegantes, para ir asumindo que no futuro se vai apostar polo copago, toda vez que o argumento de que o aforro nos libros se ía invertir en comedores fica demostrado que era pura hipótese que non se ía poder levar a cabo.
Carme Adán tamén puxo enriba da mesa o recorte no profesorado e nos
Centros de Formación para eles, o número de escolas que están pechadas, a folga nas Escolas de Idiomas e, especialmente, a circular sobre conductas disrutivas, cualificando de barbaridade que eses alumnos con dificultades en lugar de contar con persoal de apoio se confinen aulas con profesorado de garda.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.