
O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra Fernández, mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, aos que trasladou o traballo que o seu departamento e o Goberno autonómico están levando a cabo para reactivar o tecido empresarial galego.
Guerra Fernández salientou ante os empresarios galegos afincados na capital de España que a Xunta de Galicia, tal e como comprometera, puxo en marcha un Plan de Choque que activou máis de 20 medidas anticrise, entre as que destacou o maior plan de avais na historia de Galicia. Esta iniciativa, que conta coa colaboración de 13 entidades financieiras e as dúas sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia, mobilizará novas operacións de financiamento por valor de 400 millóns de euros para que as empresas, microempresas e autónomos poidan facer fronte aos seus problemas inmediatos de liquidez.
O conselleiro sinalou que este plan, articulado en base a dúas liñas de avais (re-Brote e re-Solve), demostra a capacidade de readaptación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), encargado de xestionar as axudas, á economía real para sentar as bases da recuperación económica en Galicia. Esta readaptación do Igape ten como obxectivo ofrecer unha resposta real ás necesidades reais do tecido empresarial galego. Neste sentido, unha das características nas que está a incidir o departamento que dirixe Javier Guerra Fernández é a de facer máis áxil o funcionamento e a xestión deste Instituto para adaptalo aos ritmos da economía real. De feito, un dos últimos compromisos adquiridos por Guerra é a tramitación das liñas de avais re-Brote e re-Solve nunha media aproximada de 45 días.
Guerra Fernández lembrou ante os empresarios galegos en Madrid a repercusión do Plan re-Móvete de susbstitución de vehículos, no que o departamento de Economía e Industria leva investidos xa 14 millóns de euros, e os máis de 100 millóns de euros que este novo Goberno leva investidos en I+D+i. Nós decidimos actuar e plantexar un cambio nunha política fundamental como é a da innovación, e por iso traballamos no deseño dunha Axencia Galega de I+D+i e nun novo plan galego de I+D+i, afirmou.
O conselleiro de Economía e Industria apelou ao compromiso da Xunta no apoio ás estratexias de internacionalización das empresas galegas, e destacou que a Administración pública debe promover iniciativas orientadas a atraer riqueza a Galicia, porque nun mundo globalizado a mellor opción para que unha empresa se faga forte e competitiva é abrirse cara o exterior. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria mobilizou recentemente 1,7 millóns de euros para impulsar o Plan de Fomento das Exportacións Galegas, e dende o Igape abriuse unha nova liña de apoio a este tipo de iniciativas, dotada con 1 millón de euros.
Guerra Fernández pechou este encontro animando a todos os emprendedores a investir en Galicia, porque a Xunta ten cartos para apoiar novos investimentos, e facendo referencia ao Plan re-imaXina, dotado con 15 millóns de euros, para que as Pemes, micropemes e autónomos poidan acceder con máis facilidade a liñas de financiamento para inversións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.