
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará un millón de euros aos concellos de menos de 5.000 habitantes co obxecto de axudarlles a recuperar o seu equilibrio financeiro e orzamentario. Así o recolle un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) cuxa sinatura autorizou o Consello da Xunta. A medida favorecerá a 199 municipios de Galicia, para axudar aos concellos nos seus gastos correntes.
Segundo se expón no convenio, a evolución da situación económica e o seu impacto na economía galega están incidindo da xeito directo na recadación tributaria dos municipios, cunha apreciable merma dos ingresos que manexan e polo tanto da súa capacidade para facer fronte ás necesidades de gasto. Así, a pesar dos esforzos de aforro levados a cabo polos concellos, a intensidade da actual crise está a comprometer seriamente a eficacia das respostas locais ás demandas e necesidades cidadás, sobre todo no que respecta ás políticas sociais e de fomento de emprego.
Neste sentido, o que pretende este convenio é achegar aos concellos de menos de 5.000 habitantes unha transferencia lineal destinada a sufragar os seus gastos correntes para conseguir progresivamente que estas entidades locais menores vaian recuperando o seu equilibrio financeiro e orzamentario, cancelando as obrigas contraídas con terceiros e atendendo aos gastos que xeren nos ditos conceptos.
Ademais, o texto lembra que á Xunta de Galicia, a través da Comisión Galega de Cooperación Local, correspóndelle fomentar e promocionar as relacións de colaboración e cooperación entre as diferentes administracións públicas galegas. Así mesmo, recoñece á FEGAMP como a entidade asociativa máis representativa e maioritaria das entidades locais cuxos fins son, entre outros, promover, presentar e defender os intereses destas ante outras administracións públicas. Ademais, a Federación conta con oitos representantes na Comisión Galega de Cooperación Local, dous dos cales representan aos concellos de ata 5.000 habitantes.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.