A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon, recibiú a unha delegación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Lacón Galego, co seu presidente, Luis Corujo Díaz, á cabeza. O obxectivo desta reunión de traballo foi o de deseñar unha estratexia conxunta para promover e potenciar este senlleiro produto galego con distintivo de calidade.
Os representantes de Lacón Galego explicaron á directora xeral a evolución e situación actual da IXP, e trasladaron as súas impresións sobre as accións a desenvolver no futuro entre o propio Consello Regulador e a Consellería do Medio Rural en materia de promoción e difusión deste produto nos diferentes mercados.
En toda Galicia existen actualmente un total de 214 explotacións de Lacón Galego e 39 industrias cárnicas e matadoiros. A produción amparada por esta Indicación Xeográfica Protexida alcanzou en 2008 os 34.583 quilos (cun total de 9.760 pezas). O valor económico estimado desta produción foi de 146.792 euros.
O lacón galego está recoñecido como denominación específica dende o 7 de febreiro de 1997. A zona de produción e elaboración comprende todo o territorio da Comunidade Autónoma galega. A IXP protexe as extremidades dianteiras do gando porcino tradicionalmente designadas co nome de lacón, una vez curadas.
O proceso de elaboración do lacón consta de varias fases (salgadura, lavado, asentado e secado ou curado), cunha duración mínima de 30 días.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.