A Consellería de Economía e Industria colga na súa páxina web 12 artigos que modifican a Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia para a súa exposición ao público -cun periodo de alegacións de dez días antes da súa tramitación para a aprobación definitiva-, e que atinxen expresamente aos artigos relativos á segunda licenza das grandes superficies e permitirán á Dirección Xeral de Comercio acadar a transposición en prazo da Directiva de Servizo Europea, antes do 28 de decembro.
Estas modificacións do articulado teñen o obxectivo de evitar os efectos directos da falla de transposición en prazo da Directiva, asegurando en todo momento unha normativa reguladora da materia, sobre todo no que atinxe aos establecementos cunha superficie superior aos 2.500 metros cadrados, evitando deixar marxe de maniobra para que se presenten solicitudes de implantación de grandes superficies sin ter que acollerse á normativa vixente ata o de agora e á prevista no borrador da nova Lei de Comercio Interior de Galicia.
Cumprindo coas directrices que marca a Directiva de Servizos, as modificacións colgadas na páxina web fan referencia ao emprego de criterios urbanísticos e xerais para as autorizacións de establecementos de máis de 2.500 metros cadrados, e varían a comisión de equipamentos para transformala na comisión interadministrativa.
Así, para os efectos de transposición da Directiva de Servizos, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, ten dous procesos lexislativos abertos para cumprir. Por un lado, a modificación da Lei 10/1988 de Ordenación do Comercio Interior de Galicia, e por outro a elaboración dunha nova Lei de Comercio de Galicia, que será presentada proximamente e que, segundo as mellores previsións do departamento, podería estar aprobada no vindeiro mes de marzo.
O novo borrador da Lei de Comercio de Galicia, na que a Dirección Xeral de Comercio leva traballando dende o inicio do mandato do novo Goberno da Xunta de Galicia, vai ser froito do consenso, como demostran actuacións como o Foro do Comercio, e a participación activa dos propios axentes implicados no comercio galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.