O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acudiu a un encontro organizado polo Sindicato Labrego Galego no que se analizaron as políticas agrogandeiras da Unión Europea e a postura das forzas políticas galegas ao respeito.
Neste contexto, o número un do nacionalismo galego reclamou unha política pública de intervención a nivel de prezos e de mercado. É unha intervención que pode facerse co sector lácteo para Galiza igual que a que fan con outros sectores económicos, nin máis nin menos.
En opinión do portavoz nacional do BNG, os gobernos, cada un na súa responsabilidade, teñen que facer un cambio de política que pase necesariamente pola modificación do statu quo do sector leiteiro galego e por un control de prezos que garanta o dereito a vivir dos produtores e un control dos mercados. Son elementos indispensábeis para que o sector lácteo poida saír desta situación que veu agravándose co paso dos anos.
A ninguén se lle escapa que neste momento se está discutindo sobre a problemática do sector lácteo na Unión Europea, afirmou Vázquez en declaracións aos medios minutos antes de comezar o acto. De feito, tal e como lembrou, hoxe mesmo comparecía a Comisaria de Agricultura e os pasos que se están a dar, tal e como indicou, parecen encamiñados a que o sector desapareza.
Desde o BNG, segundo indicou o seu portavoz nacional, seguimos demandando un cambio na política europea. Somos conscientes de que é absolutamente necesario redistribuír o nivel de cotas, continuou, non pode ser que os estados excedentarios o sigan sendo mentres os deficitarios, como é o caso do Estado español, son os que acaban recibindo os excedentes dos demais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.