
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle ao presidente do Grupo PSA Peugeot Citöen, Philippe Varin, a proposta do Goberno galego para que a factoría viguesa traballe no proxecto futuro do coche eléctrico. Durante a xuntanza que mantivo, e na que tamén participaron o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o director de Produción de Vehículos do Grupo PSA, Alain Rojón, e o director do centro de Vigo, Pierra Ianni, Feijóo tamén avanzou que o goberno que preside ten 60 millóns de euros dispoñibles para apoiar ao sector galego do automóbil.
Din conta de que no Instituto Galego de Promoción Económica temos 60 millóns de euros dispoñibles desde xa para apoiar á industria auxiliar do automóbil, para apoiar as empresas que traballan para PSA Peugeot Citröen e para outras marcas de automóbiles, indicou Feijóo.
Na mesma liña, incidiu en que lle plantexou aos directivos de Citröen tres proxectos: que PSA Peugeot Citröen sexa unha factoría que albergue algún novo modelo dos que vai a lanzar a multinacional nos próximos anos; segundo, que na factoría se faga non só o que se está facendo agora senón tamén plans máis amplos de paquetes completos ou pezas de partes do coche; e terceiro, presentar a nosa candidatura a ser sede do coche eléctrico.
Segundo explicou Feijóo, trátese de presentar a candidatura de Galicia de toda a industria auxiliar, de CEAGA, da Xunta de Galicia para que ou ben as baterías ou pezas das baterías ou ben ensamblaxes das pezas das baterías se poidan facer en Vigo, no sur de Galicia.
Unha boa acollida das propostas
Segundo manifestou o mandatario autonómico estas tres propostas do Goberno galego foron escoitadas con moito interese polo presidente de PSA Peugeot Citröen, Philippe Varin, quen se comprometeu a que, en primeiro lugar, a factoría siga sendo a máis importante do Grupo PSA para toda Europa e, en segundo lugar, a que Vigo albergue algún novo modelo dos vehículos do futuro da fábrica.
Así mesmo, segundo resaltou Feijóo, se chegan a bo porto as negociacións entre PSA Peugeot Citröen e Mitsubishi para facer o coche eléctrico, Philippe Varin comprometeuse a ter moi en conta a candidatura de Vigo como un lugar axeitado para fabricar baterías, pezas ou ensamblaxes de baterías e así tamén arrancar con esta nova liña de produto que é o coche eléctrico.
Perfecta simbiose
O mandatario autonómico, que cualificou de moi frutífera a xuntanza mantida, dixo saír satisfeito da mesma porque o presidente de PSA valorou moi positivamente algo que non é común noutros lugares que é a perfecta simbiose entre as empresas auxiliares, entre a factoría PSA e entre o Goberno galego.
Con esta sensación, o presidente do Grupo vaise a París e eu espero e desexo dixo Feijóo- que, primeiro, se materialicen os 60 millóns de euros que temos a disposición da industria do automóbil e, en segundo lugar, que Vigo sexa candidata a novos modelos da marca ou a traballar no proxecto de futuro que é o coche eléctrico.
Por último, o presidente da Xunta de Galicia lembrou que coa celebración, hoxe, desta reunión se cumpre un dos seus compromisos a levar a cabo, nos 100 primeiros días de goberno.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.