
O recoñecido debuxante barcelonés Diego Olmos participará no 13º Salón do Cómic de Cangas, que se celebra do 20 ao 26 de xullo na vila pontevedresa. A representación da banda deseñada galega virá da man do lucense Alberto Guitián. O cartel complétase coa presenza dos madrileños Montse Martin e Gabor, segundo avanzou esta mañá o Concelleiro de Xuventude e Voluntariado, Óscar Graña, durante a presentación do amplo programa de actividades que se desenvolverá ó longo da vindeira semana no Auditorio Municipal con entrada de balde.
Graña destacou que o Salón do Cómic de Cangas, de referencia na provincia e entre os máis importantes de Galicia, ofertará alternativas para públicos de todas as idades. Ademais das sinaturas e conferencias dos autores convidados, proxectaranse películas protagonizadas polos superheroes da Marvel, reeditaranse os exitosos obradoiros de banda deseñada e instalaranse stands especializados nestas publicacións. O primeiro andar do Auditorio acollerá a exposición de orixinais dos prestixiosos debuxantes que teñen pasado polo Salón do Cómic de Cangas en máis dunha década de traxectoria, mentres que na planta alta poderán contemplarse os traballos dos artistas convidados e mais dos gañadores do 11º Certame de Cómic. A técnica de Xuventude, Mercedes Lorenzo, explicou que outra das novidades na estrutura desta edición é que os convidados realizarán as súas creacións en directo con dedicatorias aos seus fans antes de cada charla-coloquio, aínda que tamén o farán conxuntamente antes do acto de clausura.
Autores de Batman, Catwoman e Astérix
O Salón do Cómic de Cangas volve contar este ano con autores de primeira liña. Despois dos seus inicios en 1999 compaxinando traballos de ilustración e tebeo, Diego Olmos deu o salto ao mercado americano, onde traballa para DC Comics e Wildstorm debuxando personaxes tan populares coma Batman, Catwoman ou Supernatural, aínda que en España se lle coñece principalmente como creador da serie de aventuras H2Octopus. Gabor e Montse Martín contan cunha dilatada experiencia en Tridente Animación, ó carón de Juan Díaz Canales e Teresa Valero, cos que traballaron en series televisivas como Papyrus e Cédric e mais nas longametraxes Astérix e os viquingos, El Cid ou a premiada Nocturna. Martín segue traballando en story-boards e xa editou tamén o seu primeiro traballo profesional no cómic, Talismán, mentres que Gabor publicou en Francia Greenworld e traballa nun novo tomo da serie Los Patricios.
En canto a Alberto Guitián, estudando Belas Artes en Pontevedra cofundou Kédedé, fanzine cheo do humor ácido e as referencias pop que caracterizan boa parte do seu traballo. Ten publicado en revistas de todo o estado e participou en proxectos emerxentes da banda deseñada galega, como Barsowia, BDBanda ou o álbum H2OIL do colectivo Chapapote. En 2003, nun intento por vivir da súa vocación, marcha a Barcelona e un ano despois dá o salto ao cómic profesional coa serie Malas Pulgadas para a revista de humor xuvenil Mister K de Ediciones El Jueves. En 2007 inicia a serie Fito & Pita na revista Retranca, onde tamén realiza Temas de Hoxe. Publica tamén en BDBanda, Amaníaco e Viralatas.
Alén dos catro autores convidados, o 13º Salón do Cómic de Cangas contará coa presenza doutros destacados debuxantes que se achegarán fóra de cartel en apoio ó evento. Trátase do arxentino Horacio Altuna, padriño do Salón que cada ano repite, e de Manel Fontdevila, participante da 12º edición. O coautor da polémica portada dos Príncipes que publicou El Jueves debuxou o orixinal cartel deste ano. O Concelleiro de Xuventude, Óscar Graña, apuntou que é o carácter intimista da cita o que lles permite disfrutar ós autores e visitala ano tras ano. De feito, a estreita relación co público é un dos aspectos que caracteriza o Salón do Cómic de Cangas, tal e como destacou tamén na presentación a gañadora do 11º Certame de Cangas, Susana Broullón, quen valorou esta cita por enriba doutras máis famosas, pero de carácter máis comercial. Toda a información sobre o evento pode consultarse a través da renovada páxina web do Concello www.cangas.org ou directamente en www.salondocomicdecangas.com.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.