Notas de prensa

O PPdeG impulsará no Parlamento a recuperación do proxecto acuícola de Cabo Touriñán

O Grupo Parlamentario do PPdeG celebrou unha xuntanza en Camariñas na que abordou cos alcaldes e presidentes locais do partido na comarca os principais problemas e necesidades da Costa da Morte.

O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento diversas iniciativas dirixidas a impulsar a recuperación do proxecto acuícola de Pescanova en Cabo Touriñán, unha oportunidade de dinamización económica e xeración de emprego perdida pola negativa do anterior Goberno da Xunta a autorizalo, así como a construción da autovía Carballo-Berdoias e a axilización do proxecto do Parador de Muxía, entre outros asuntos relacionados coas necesidades socioeconómicas da Costa da Morte, segundo anunciou hoxe o portavoz deste partido no Parlamento galego, Manuel Ruíz Rivas, en rolda de prensa en Camariñas.

O Grupo Parlamentario do PPdeG celebrou unha xuntanza en Camariñas na que abordou cos alcaldes e presidentes locais do partido na comarca os principais problemas e necesidades da Costa da Morte. A de hoxe constitúe a segunda das catro reunións que os deputados populares van celebrar ao longo do mes de xullo noutras tantas comarcas galegas, ao obxecto de coñecer dun xeito máis directo os asuntos prioritarios de cada zona e as posibilidades de contribución, a través da presentación de iniciativas parlamentarias, na súa resolución.

Os populares constataron que a etapa do bipartito PSOE-BNG na Xunta caracterizouse por un esquecemento absoluto da comarca, que ten como exemplo fundamental a paralización total do Plan Galicia, ademais de incumprimentos e retrasos en proxectos de gran importancia para a revitalización da Costa da Morte. A ese respecto, expresaron a súa total confianza en que o novo Goberno da Xunta do Partido Popular afrontará a execución das obras pendentes na comarca para recuperar o tempo perdido.


A COSTA DA MORTE VOLVE ESTAR NAS PRIORIDADES DA XUNTA

Así, reiteraron a súa satisfacción ante a posibilidade de que Pescanova retome o proxecto de instalación da planta de rodaballo en Touriñán, que o anterior Goberno da Xunta descartou malia contar con todos os permisos sectoriais e co aplauso da poboación da zona, o que supuxo desbotar para a Costa da Morte unha iniciativa que suporía unha inxección transcendental para a súa maltreita economía. Unha decisión que os populares cualifican de “tremendo erro”, que supuxo, entre outras cousas, a perda de 40 millóns de euros en fondos europeos e que se baseou en supostas razóns medioambientais. Os representantes do PP salientaron que o apoio de Núñez Feijóo e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a este proxecto, demostran que co Partido Popular, a Costa da Morte volve estar nos mapas de investimentos e de prioridades da Xunta.

Doutra banda, os deputados do Grupo Popular comprometéronse a seguir loitando pola construción da autovía Carballo-Berdoias, que os socialistas paralizaron de igual xeito que outras infraestruturas do Plan Galicia. O bipartito desbotou o proxecto elaborado pola Xunta do PP para a construción dun corredor e reiniciou as tramitacións coa escusa de facer unha autovía, o que na realidade traduciuse en retraso e no bloqueo das obras, de xeito que a día de hoxe non existe nin o corredor nin a autovía. Na xuntanza de hoxe púxose de manifesto que o único investimento da anterior Xunta foron os miles de euros gastados en publicidade e presentacións multimedia, sen que se teña constancia do destino práctico dos 524 millóns de euros prometidos para a Costa da Morte.

PARADOR DE MUXÍA , PORTOS E RESIDENCIA VIMIANZO

Igualmente, ratificouse na reunión o especial empeño do Grupo Parlamentario Popular, compartido polo actual presidente da Xunta, de avanzar e concluír o proxecto do Parador de Muxía, así como o compromiso de Portos de Galicia de desbloquear a obra do porto de Brens, cuxa finalización está prevista para finais de 2010. Os populares salientaron tamén o engano que supuxo a promesa do goberno bipartito de construír portos deportivos na comarca, posto que non deixaron nin asignación orzamentaria nin informes técnicos, así como a de destinar 10 millóns de euros a Fisterra para ese eido, investimento no que nunca máis se soubo.

A proposta dos veciños de Sardiñeiro da posibilidade de construír un porto nese lugar de Fisterra, a creación de áreas empresariais nos concellos de Carnota e Muxía e a búsqueda de alternativas para o Polígono de Vimianzo, que ten todas as súas parcelas sen vender polo elevado do seu prezo, foron outros dos asuntos abordados na
xuntanza de hoxe en Camariñas.Así mesmo o Grupo Popular amosou o seu compromiso ca residencia da terceira idade de Vimianzo que considerou moi necesaria para a comarca e fará todas as xestións pertinentes para a súa apertura canto antes, cumprindo todos os requisitos de forma clara e limpa, sen oscurantismos no relativo a contratación do persoal.

Na reunión, na que participaron os voceiros do PPdeG en Carnota, Camariñas, Cee, Corcubión , Bumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo y Zas tamén se tratou a problemática sanitaria, do transporte comarcal, centros de saúde e a situación dos núcleos rurais, ao que se engade os que se atopan no litoral, para os que o plan de protección do litoral non é suficiente. Os deputados populares transmitiron os primeiros pasos que está a dar Goberno galego na solución desa problemática e sobre a lei do solo.

Os deputados comprometéronse a trasladar as preocupacións abordadas na reunión á Xunta de Galicia a través do seu labor no Parlamento e a manter o contacto e facer un seguimento de cada un dos temas por medio dos deputados da zona.

Gabinete de Comunicación do Grupo Parlamentario do PPdeG, 2009-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES