O Diario Oficial de Galicia publica a orde da Consellería de Traballo e Benestar que establece a primeira partida para a contratación de desempregados que xa esgotaron a súa prestación por importe de 13.100.672 euros. Esta é a primeira das dúas desconcentracións nas que se divide o plan dos 30 millóns anunciados pola Xunta para atender aos parados sen subsidio, unha iniciativa que se inscribe no seu plan de choque para facer fronte á crise. Deste xeito, a Xunta beneficiará a 4.000 parados galegos que xa non contan con ningún tipo de axuda.
Desta primeira partida, 9.100.672 euros estarán destinados a contratacións en entidades locais, e 4.000.000 euros á cooperación con administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. A resolución marca como colectivo prioritario as persoas paradas que houbesen consumido a totalidade das prestacións e subsidios por desemprego aos que tiñan dereito.
As contratación dos desempregados realizarase en actividades vinculadas a novos xacementos de emprego que lles ofrezan maiores oportunidades de readaptación no ámbito laboral. En concreto, os contratos estarán dirixidos á prestación de servizos en materia medioambiental, social, cultural, de protección civil e de servizos administrativos de informática e novas tecnoloxías.
A duración dos contratos oscilarán entre os 6 e os 9 meses, de modo que facilitarán unha práctica profesional adecuada para a súa posterior reinserción laboral.
Os primeiros contratos iniciaranse a primeira quincena de xullo co obxectivo de que todas as persoas poidan estar contratadas antes finalizar o mes de agosto. O sistema de contratacións establece que sexa o Servizo Público de Emprego o que faga unha preselección dos desempregados sen dereito a prestación que se remitirá aos concellos e demais entidades para que estas executen as contratacións.
Este plan emprega o mesmo instrumento que o plan de cooperación local cun orzamento de 34,8 millóns de euros e que permite a contratación, xa en marcha, de 3.900 persoas-, aínda que son partidas orzamentarias diferenciadas con destinatarios tamén distintos.
Trátase, pois, dun gran esforzo, xa que entre o plan de cooperación e esta partida extraordinaria estase a falar dun montante de preto de 65 millóns de euros, achegados por parte da Consellería de Traballo e Benestar para frear o paro e reincorporar no mercado laboral a quen máis o necesita.
A celeridade na publicación desta orde responde á urxencia fixada polo Goberno para atender á grave situación do desemprego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.