
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que os 25 anos do Valedor do Pobo constitúen a historia dun dos maiores éxitos da autonomía galega. O máximo mandatario galego, quen fixo estas declaracións na clausura dunhas xornadas conmemorativas do aniversario desta institución esta mañá no Parlamento galego, asegurou que estes 25 anos son dabondo para comprobar que o Valedor ten o aprecio e mais a confianza da cidadanía. A experiencia deste tempo dille aos galegos que aquí teñen un apoio fronte aos abusos ou descuidos das diferentes administracións, engadiu.
Nesta liña, o titular da Xunta destacou que o Valedor do Pobo é un organismo incómodo para as administracións públicas, pero salientou que se trata dunha incomodidade saudable e positiva. Alguén dixo en certa ocasión que o poder tende a converter as fiestras en espellos. Pois ben, institucións como a do Valedor axudan a que estea sempre aberta esa fiestra que permite que entren as inquedanzas da cidadanía, remarcou.
O máximo mandatario galego citou, no transcurso da súa intervención, os tres valedores rigurosos e independentes que tivo Galicia: José Cora, José Ramón Vázquez Sandes, e Benigno López. Coa súa actitude de homes bos diante dos problemas e das críticas, déronnos a todos unha importante lección de bonhomía que eu lles agradezo. A súa traxectoria é unha peza esencial nese galeguismo cordial que tanto precisa pontes, vencellos e lugares de encontro, afirmou.
Feijóo lembrou, por último, o momento de desacougo que atravesa a democracia galega por mor da crise económica. Creo que o Ombudsman, el Defensor del Pueblo, o Valedor e todas as figuras homólogas, van a ter unha importancia capital para lograr que as turbulencias non supoñan un desapego das querencias democráticas, senón un maior achegamento a elas. Nesta tarefa, o Valedor será decisivo, asegurou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.